Pestanas principais

Dáselle maior visibilidade ao servizo municipal de transporte adaptado coa campaña Levámoste!

Xoves, 04 de maio de 2023

A Concellaría de Benestar Social vén de publicar unha campaña informativa para dar a coñecer o servizo de transporte municipal adaptado entre a veciñanza amesá. Baixo o lema “Levámoste” preténdese dar a coñecer que en Ames existe un servizo de transporte adaptado que está dirixido a persoas maiores e/ou persoas como dificultades de mobilidade. Para poder dispor de dito servizo hai que reservar praza chamando ao número de teléfono gratuíto 900 204 000 ou ao teléfono da Oficina de Voluntariado 662 377 044. Dito servizo funciona de luns a venres en horario interrompido de 8:00 horas da mañá ata as 19:00 horas da tarde.

No ano 2007 o Concello de Ames puxo en funcionamento o servizo municipal de transporte adaptado, que facilita que persoas con problemas de mobilidade poidan realizar tarefas esenciais como acudir aos servizos médicos, realizar xestións administrativas ou asistir a eventos sociais. No que vai de ano atendeuse a preto de 100 persoas que demandaron dito servizo. Trátase dun servizo que se pode considerar prioritario para as persoas amesás xa que lles permite mellorar as súas condicións de vida.

Agora, a Concellaría de Benestar Social a través da súa Oficina de Voluntariado vén de lanzar unha campaña denominada “Levámoste. En Ames temos para ti transporte municipal adaptado”, para dar a coñecer dito servizo que non o coñece unha gran parte da veciñanza. Trátase de reforzar a promoción do transporte adaptado que pode ser empregado polas persoas maiores e /ou persoas como dificultades de mobilidade. Cómpre destacar que Ames é un dos poucos, por non dicir o único, Concello de Galicia que presta directamente este servizo.

Este servizo de transporte conta cun microbús formado por trece prazas, que se dividen en once para persoas sentadas e dúas cadeiras de rodas. O vehículo complétase coa condutora e a auxiliar de transporte que axuda a todas as persoas usuarias a subir e baixar do microbús. O grado de dependencia de moitos dos veciños e veciñas que demandan este servizo está provocado por doenzas como a esclerose múltiple, trastornos psicolóxicos, dificultades de mobilidade ou emprego de cadeira de rodas e idade avanzada.

A concelleira de Benestar Social, Beatriz Martínez, indica que “con esta campaña tratamos de visibilizar entre a cidadanía de Ames un servizo que é descoñecido entre unha parte importante da poboación amesá. Deste xeito, o obxectivo é captar novos usuarios e usuarias para que poidan facer uso de dito servizo. Co transporte adaptado trátase de garantir a máxima integración dentro dos servizos da contorna daquelas persoas que teñen algún grao de dependencia ou dificultade, e tamén a todas aquelas que, por motivos de contexto xeográfico e social, aínda que non teñan grandes problemas de mobilidade si precisan do servizo”.

Unha oportunidade para desenvolver con normalidade a vida cotiá
Ir ao centro de saúde ou ao hospital, ao banco, a realizar actividades administrativas ou culturais, á clínica dental ou de fisioterapia, á piscina, á farmacia, á perruquería ou a facer a compra convértense en actividades imposibles para persoas que presentan dificultades serias na mobilidade. Por tanto, todas as persoas que o precisen poden facer uso do servizo de transporte adaptado do Concello de Ames, que se xestiona desde a Oficina municipal de Voluntariado, para realizar actividades da vida cotiá de luns a venres en horario interrompido de 8:00 horas da mañá ás 19:00 horas da tarde.

Deste xeito, o Concello de Ames inviste en programas de carácter social como é o transporte adaptado, que permite cubrir as necesidades de determinados veciños e veciñas que quedaban fóra do servizo de ámbito autonómico.

Para solicitar máis información ou facer a súa reserva de praza, o servizo conta cun teléfono gratuíto: 900 204 000. Tamén se pode chamar ao teléfono 662 377 044 da Oficina de Voluntariado de Ames. Para unha atención personalizada os interesados e interesadas poden achegarse á Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) na Casa da Cultura de Bertamiráns. O horario para facer a consulta, sexa de forma presencial ou por teléfono, é de luns a venres de 9.00h a 14.00 horas.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Unha campaña busca potenciar o transporte adaptado entre os veciños e veciñas de Ames"

Dáselle maior visibilidade ao servizo municipal de transporte adaptado coa campaña Levámoste!

Multimedia

  • Cartaz do servizo municipal de transporte adaptado