Pestanas principais

Daniel Paz e Eva de la Fuente impuxéronse na categoría absoluta do Trail Ribeiras do Tambre

Martes, 05 de marzo de 2019

[05-03-2019] A Ponte Maceira acolleu este domingo, 3 de marzo, a saída do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, evento que reuniu a un total de 328 persoas para percorrer os quilómetros que separan o punto de saída do Real Aeroclub de Santiago, situado na Ameixenda. Se ben na andaina non se estableceron categorías de participación, a proba do trial contou con cinco categorías: absoluta, sénior, máster 1, máster 2 e máster 3. O primeiro posto masculino da categoría absoluta foi para Daniel Paz, mentres que o primeiro lugar feminino foi para Eva de la Fuente. No tocante aos clubs, Tribu Trial acadou o primeiro premio. Poden consultarse as clasificacións premendo no enlace situado baixo a pestana de descargas desta mesma nova.


Clasificación por equipos
Na clasificación por equipos, o club que mellor puntuación acadou foi Tribu Trail con 78 puntos, o que lle permitiu alcanzar o primeiro posto. O segundo lugar foi para o Club de Atletismo O Pino con 79 puntos, seguido polos equipos Azervañan con 316 puntos e Sociedade Deportiva Barba con 643 puntos. Dita puntuación foi calculada coa suma dos postos acadados polos seus membros, polo que os clubs que quedaron en mellor lugar foron os que acadaron un menor número de puntos.

Así, recibiron premios os tres primeiros clasificados de cada categorías e os catro primeiros clubs da clasificación do trail. Os premios económicos para estes últimos foron de 125 euros para o primeiro equipo clasificado, 100 euros para o segundo, 75 euros para o terceiro e 60 euros para o cuarto. Asemade, todos os participantes do trail e a andaina recibiron un agasallo técnico pola súa participación, que puideron recoller xunto ao dorsal antes do comezo das probas.


Este pasado domingo, o Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizaron a primeira edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, dúas probas nas que os participantes tiveron que percorrer os 15 e 16 quilómetros (dependendo da proba) que separan A Ponte Maceira do Real Aeroclub de Santiago, na Ameixenda. No total, participaron 328 persoas, 216 no trail e 112 na andaina. O trail estivo baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación, dado que formaba parte do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, na categoría Trail-Running.

Na andaina non se estableceron categorías de participación, e puideron intervir menores de idade de ata 10 anos, sempre que fosen acompañados/as por un adulto. No tocante ao trail, establecéronse un total de cinco categorías: sénior masculina e feminina, na que se encadraron os participantes de 18 anos ata máster; máster 1 masculina/feminina, nados entre 1979 e 1984; máster 2 masculina e feminina, nados de 1970 a 1978; máster 3 masculina e feminina, nados no 1969 ao antes; e absoluta masculina e femininas, que englobou a todos e todas as participantes das anteriores categorías.

Gañadores e gañadoras do Trail
Na categoría absoluta masculina o gañador foi Daniel Paz, do equipo Tribu Trail, seguido por Carlos Martínez no segundo posto e David Landeira no terceiro. Na categoría sénior masculina, Carlos Martínez, do Club de Atletismo Negreira, alzouse como o gañador, seguido de Sergio Requeijo e Rubén Insúa; mentres que na máster 1 o primeiro posto foi para David Landeiro, do Club de Atletismo O Pino, e os segundo e terceiro lugar foron para Roberto Tuñas e Daniel Feijóo. Na categoría máster 2 o vencedor foi Daniel Paz, ao que seguiron Juan Jesús Barral e José Miguel; e na máster 3 o primeiro premio foi para José Suárez do Club de Atletismo Sar Vermú, mentres o segundo e terceiro lugar foron para Roberto Senra e Pedro Pazos.

No tocante ás clasificacións femininas, Eva de la Fuente, do Club de Atletismo O Pino, foi a gañadora da categoría absoluta seguida de María Mareque e Ana Blanco. Na sénior, o primeiro posto foi para Cristina Otero do equipo MGM Actividades Dirigidas, mentres que o segundo foi para Laura Feliza López e o terceiro para Sara Costa. Na categoría máster 1, a gañadora foi María Mareque do equipo Tartarugas, seguida no podio por Estefanía González e Ana Bello; mentres que na máster 2, o triunfo foi para Eva de la Fuente, seguida de Ana Blanco e Beatriz Vigo; e na máster 3 a gañadora foi María Dolores Munín, que participou sen equipo, seguida por Ánxeles Salmonte no segundo posto e Ana María Vázquez no terceiro.