Pestanas principais

Daniel Cariñena, undécimo no campionato de España sub18, e once atletas do MillaRaio participan nos galegos sub16

Luns, 07 de marzo de 2022

Esta fin de semana o saltador do MillaRaio Daniel Cariñena participou en Valencia no campionato de España sub18 en pista cuberta, rematando undécimo en salto de lonxitude malia competir con molestias físicas. Ademais, once atletas do club de atletismo participaron nos campionatos de Galicia sub16 en pista cuberta, celebrados en Ourense. O MillaRaio obtivo dous metais, con Nuno Castro rematando segundo no campionato de probas combinadas e Feli Lavandeira cun bronce nos 60 metros lisos.

O club MillaRaio continúa en marzo coa súa asistencia a varias competicións a nivel autonómico e nacional. Neste senso, Daniel Cariñena participou esta fin de semana no Campionato de España sub18 en pista cuberta, na categoría de salto de lonxitude. Cariñena conseguira a clasificación para esta cita o pasado sábado 19 de febreiro, cando se proclamara campión galego sub18 cunha marca de 6,75 metros. Nesta ocasión, o xove atleta foi undécimo cun salto de 6,43 metros, un bo resultado malia competir con molestias físicas que non lle permitiron estar ao seu mellor nivel.

Pola súa banda continuaron os campionatos galegos de atletismo en pista cuberta coa categoría sub16. Once atletas do MillaRaio competiron nunhas probas que deixaron dous metais ao club amesán. Nuno Castro proclamouse subcampión galego no campionato de probas combinadas, nunha disciplina na que Álex Cabo foi quinto. Ademais, Feli Lavandeira levou o bronce nos 60 metros lisos.

O resultado de Lavandeira acompañou a outras boas actuacións nas disciplinas individuais. David Moreno foi quinto en salto con pértega e sexto nos 60m valos. Pablo Cariñena foi oitavo nos 60m lisos e sétimo no lanzamento de peso, proba na que Pablo Leiva rematou quinto. Ademais, Lucas Pena foi sétimo nos 1.000m e noveno no triplo salto. Do MillaRaio participaron tamén Laura Sanz, nos 60m e nos 300m lisos, Adrián Pérez e Carlos Álvarez, nos 60m lisos, e Jorge García, nos 60m valos.

Novas relacionadas

AMSGO!: "Daniel Cariñena, do MillaRaio, undécimo no Campionato de España sub18"

Daniel Cariñena, no campionato de España sub18

Multimedia

  • Nuno Castro, segundo no campionato galego sub16
  • Feli Lavandeira, bronce nos 60m lisos