Pestanas principais

Curtas internacionais, música e xogos no III Festival de Cinema Infantil de Ames

Venres, 13 de decembro de 2019

Hoxe venres, día 13, comeza no Concello de Ames a terceira edición do Festival Internacional de Cine Infantil de Ames, o único certame de cine dirixido a público infantil e familiar celebrado en Galicia e un dos poucos destas características a nivel nacional. Entre o 13 e o 15 de decembro, alternando os auditorios de Bertamiráns e do Milladoiro proxectaranse máis de 50 curtametraxes, moitas delas galegas e españolas, máis tamén pezas chegadas dende outros países, como Arxentina, Suíza ou Xapón.

Seguindo as pautas das pasadas edicións, as curtas a concurso estarán divididas en dous bloques por idades: Axóuxeres, para nenos e nenas a partir de dous anos, e Buxainas, para aqueles que xa teñan os sete anos. Ademais, a programación complétase con actividades pensadas para estimular o gusto polo cinema nos nenos e nenas de Galicia con sesións específicas para escolares, un obradoiro de stop motion, sesións musicais e proxeccións complementarias fóra de concurso.

Para informarte máis polo miúdo da programación do III Festival de Cinema Infantil de Ames existen vairas opcións: o programa completo; redes sociais (Facebook e Instagram); e na páxina web.

Sesións escolares
Xa o mércores 11 o Festival aqueceu motores con catro sesións matinais para público escolar, dúas dirixidas a cativos e cativas de Infantil 5 anos, e outras dúas para a rapazada de primaria. En total, 433 escolares gozaron dunha selección de curtametraxes multicultural especialmente pensada para fomentar neles valores de inclusividade e empatía.

Pola tarde, a mesa redonda A importancia do audiovisual e as TIC como ferramentas educativas, reuniu a catro expertos de diferentes ámbitos, que aportaron a súa experiencia como docentes, xestores e programadores na utilización da narrativa audiovisual como instrumento de traballo nas aulas. Falouse da necesidade de motivar e incentivar a creatividade na adolescencia e incrementar a capacidade do alumnado para producir e ler imaxes, nun tempo no que a tecnoloxía permite que todos sexamos fotógrafos imperfectos.

Inauguración do Festival
O Festival dará comezo cunha sesión inaugural hoxe venres, 13 de decembro, a partir das 18.00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. O acto de apertura estará presentado pola actriz Rocío Salgado e contará coa actuación da orquestra infantil Cé orquestra pantasma, ademais dunha exposición de OQO, cos carismáticos personaxes dos seus contos. Tamén durante a sesión inaugural, o público asistente poderá gozar dun primeiro bloque de curtas a concurso na sección Buxainas, para nenos e nenas dende os 7 anos.

Programación do sábado 14
A programación continúa durante toda a fin de semana. O sábado 14, a partir das 12.00h na Casa da Cultura de Bertamiráns, poderase asistir a dous bloques de curtas, a primeira, Axouxeres, para nenos e nenas a partir dos dous anos e a segunda, Buxainas, para maiores de sete. Pola tarde, é a quenda da proxección de curtas fóra do concurso, como as da editora OQO. Para rematar, a proxección da longametraxe The little wizard. O mago dubidoso, un filme de animación en 2D, dirixido polo cineasta vigués Roque Cameselle.

Ademais, o sábado impartirase unha das novidades desta edición, un taller de stop motion, a cargo do director Fernando Cortizo, pioneiro desta técnica en Galicia. Neste obradoiro, nenos e nenas de 7 a 12 anos crearán coas súas propias mans unha secuencia cinematográfica, modelando e animando as personaxes.

Peche do Festival o domingo 15
O domingo pola mañá, o Festival trasládase á Casa da Cultura do Milladoiro, onde terá lugar a proxección do último bloque de curtas, Axóuxeres, para os máis pequenos da familia. Logo diso, chegará unha das sección máis esperadas: A festa dos videoclips, na que gozar e bailar coa música de Magín Blanco, Uxía Lambona e a banda molona ou Paco Nogueiras, quen estará presente durante a sesión.

Pola tarde, a partir das 17.00h gozaremos dunha escolma de pezas seleccionadas polo Festival convidado nesta edición, o Ficbueu. E a partir das 18.00h, o acto de peche do Festival que estará presentado por Paco Nogueiras, e serán galardoadas dúas curtas da sección Axóuxeres e dúas de Buxainas, co premio do xurado e o premio do público. Despois desta entrega procederase á proxección das curtas gañadoras, coa posterior actuación de Paco Nogueiras.

Prezo das entradas e inscricións
O prezo das entradas para as bloques de curtas é de 2€ adultos e 1€ menores de 18 anos. As seguintes sesións son de balde: Inauguración, Clausura e Festa dos videoclips galegos, mais é obrigatorio retirar o billete no propio auditorio ou na billeteira electrónica do concello.

A inscrición para o obradoiro de stop-motion deberá realizarse a través do teléfono 981 53 59 40 / 662 377 444 ou no enderezo electrónico cultura@concellodeames.gal.

Cinema Miudo

Multimedia

  • Cinema Miudo
  • Cinema Miudo
  • Cinema Miudo
  • Cinema Miudo