[09-12-2011] O concello de Ames, e máis concretamente a parroquia de Trasmonte, foi o lugar elixido polo director Albert Ponte para gravar unha curtametraxe. O feito de que se realizase unha curtametraxe destas características en Ames, ten un carácter excepcional e resulta de grande interese público, social e turístico, dado que supón a proxección turística do concello cara ao exterior, tendo en conta que se trata da produción dunha curtametraxe dirixida por un profesional do cine cunha traxectoria importante. O Concello aportou no ano 2009 a cantidade de 1.500 euros e colaborou neste proxecto que será presentado o vindeiro luns. A curta presentase o día 12 de decembro na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 20.30 horas e á presentación acudirá o director, Albe Ponte, que elixiu Ames para este proxecto porque “é un lugar que coñezo moi ben posto que alí vive Fran Grela que é un dos actores protagonistas deste filme xunto a Camila Bossa”. Na presentación o director falará do filme e explicaralle ao público como foi a gravación. Albert Ponte estará acompañado de actores que traballaron na curtametraxe.
"Me llamo Rama" é unha comedia que narra o momento no que unha moza (Camila Bossa) se presenta na casa dos seus pais para facer, por sorpresa, a presentación do seu noivo, Rama, un hindú da relixión sij (os que sempre levan turbante), co que leva seis meses vivindo en Santiago. Como é de esperar, sucédense varios malentendidos e os prexuízos non tardan en aparecer. Por sorte e como os tempos están cambiando, o amor pon as cousas no que sitio, e ao final prevalecerá a apertura de miras que nos ensina a convivir en paz.
Ademais de Camila Bossa e Fran Grela, que serán os protagonistas do filme, os demais personaxes estarán interpretados por Mabel Rivera, Xosé Manuel Olveira "Pico", Celia Guerrero, Archana Patel, que é unha muller india que vive desde fai anos en Bertamiráns, e Celso Bugallo. Tamén intervirá unha veciña do lugar de Carballo, que ao marxe de permitir a gravación dunha das súas vacas, terá unha liñas de diálogo.




