[22-10-2018] Este sábado, 20 de outubro, numerosas persoas de todas as idades aproveitaron para achegarse ao Festival Boom Clap de cultura urbana. Ao longo da xornada, que se desenrolou na área deportiva do Milladoiro, realizáronse diversas actividades como obradoiros, unha exhibición de grafitte e a esperada batalla de galos. Os gañadores da competición de rap foron Valio, Kaos e Lil Manin.




Ao longo da xornada do sábado, a área deportiva do Milladoiro acolleu o festival Boom Clap Cultura Urbana, organizado pola Concellaría de Mocidade, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX). Así, en horario de 12.00 a 24.00h, os numerosos participantes puideron asistir a diversos obradoiros participativos de turntablism dj, slackline ou grafitte, así como de parkour e skate, que foron os talleres máis demandados, e para cuxa práctica se habilitaron diferentes estruturas con rampas, caixóns e outros elementos.
Asemade, tamén tivo lugar unha exhibición de grafitte, na que se realizou unha pintura mural de varios metros, pintada a esprai sobre a parede do Pabillón Municipal de Milladoiro. Ao longo da xornada, estimase que pasaron polo festival arredor dunhas 500 persoas, que puideron participar e/ou contemplar as distintas iniciativas.
Sen embargo, a actividade que produciu maior expectación foi a “batalla de galos”, unha serie de competicións baseadas en enfrontamentos nos que o rap é o protagonista. Nesta acción, na que participaron 22 rapaces/as, os finalistas foron Valio, que alcanzou o primeiro posto e un premio de 150€, seguido de Kaos como segundo finalista, gañador dun talón por valor de 100€ e Lil Manin que acadou o terceiro posto e un premio de 50€.
Pola súa banda, aquelas persoas que quixeron actuar de forma individual, fora das batallas de galos, puideron facelo durante o espazo adicado a micro libre e actuacións locais. Ademais, para rematar a xornada, contouse coas actuacións dos subcampións da Disco Mix Club Spain, DJ Mil e DJ Webo, así como pequenas sesións dos participantes que se animaron a pinchar a súa propia música.





