[14-01-2015] A Concellaría de Xuventude de Ames a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) puxo en marcha un curso de inglés destinado a formar a alumnos e alumnas para a realización do exame Preliminary English Test (PET-B1). O curso, dirixido a persoas maiores de 18 anos, comezou o pasado venres en Milladoiro e onte en Bertamiráns.
Esta acción formativa tivo moi boa acollida entre a veciñanza amesá, xa que se completaron as prazas que se ofertaron nas dúas localidades. O Preliminary English Test é un exame nivel intermedio que se corresponde co segundo nivel das probas oficiais da Universidade de Cambridge, que avalían os coñecementos de inglés xeral dende un nivel principiante ata avanzado. O certificado PET está recoñecido a nivel mundial tanto no sector académico como profesional e é equivalente ao nivel B1 do Marco Europeo Común de Referencia de Linguas Europeas. A obtención do mesmo significa que o alumno ou alumna é capaz de desenvolver as destrezas lingüísticas necesarias para afrontar situacións sociais e laborais correntes, nun entorno de fala inglesa.
O curso PET do Concello de Ames desenvolverase ata o mes de xuño cunha duración de 90 minutos diarios durante dous días á semana tanto en Bertamiráns como en Milladoiro. Nestas clases traballaranse as distintas destrezas requiridas para a proba, utilizando un libro de texto e material de reforzo e práctica do exame, facendo fincapé na parte oral do mesmo.
O material de aula será de balde para o alumnado. Ao remate do curso, se o alumno o require, facilitarase a tramitación da matrícula para as probas de Cambridge. O custe das taxas de exame correrá a cargo da persoa interesada en matricularse nas probas.




