[26-08-2013] Por segundo ano consecutivo o pelotón de La Vuelta ciclista a España pasará polo concello de Ames. Este martes, 27 de agosto, a cuarta etapa de La Vuelta, que consta de 189 quilómetros, desenvolverase entre Lalín e Fisterra. Arredor das 15:00 h o pelotón pasará pola avenida da Maía e pola avenida da Peregrina, ambas dúas situadas en Bertamiráns, camiño de Negreira. Dende a Policía local de Ames avisan que estas rúas estarán cortadas ao tráfico durante o tempo que pase o pelotón por territorio amiense. Debido a iso recomendan evitar pasar polas avenidas da Maía e da Peregrina entre as 14:30 h e as 15:30 horas.
Un ano máis as grandes figuras do pelotón internacional como Joaquim “Purito” Rodríguez, Alejandro Valverde, Samuel Sánchez, Rigoberto Urán, Juan Carlos Henao, Carlos Alberto Betancur ou Vincenzo Nibali pasarán polas rúas de Ames no transcurso da cuarta etapa de La Vuelta a España. A 68ª edición de La Vuelta a España arrincou o pasado sábado dende unha batea instalada en Vilanova de Arousa e despois de tres días por territorio galego chegará a terras amienses.
Segundo o mellor dos horarios previstos pola organización o pelotón pasará pola avenida da Maía e pola avenida da Peregrina, ambas as dúas rúas situadas en Bertamiráns, ás 14:59 horas. Se o pelotón vai un pouco máis lento pasará por Bertamiráns ás 15:05 horas. O peor horario previsto pola organización está fixado para as 15:12 horas. Previamente, ás 13:54 h pasará a caravana publicitaria de La Vuelta a España. O paso do pelotón de ciclistas por Ames correspóndese co punto quilométrico 85,8.
Este ano Galicia, ao igual que na edición anterior, acolle cinco etapas de La Vuelta e unha delas sae de Lalín pasando polo termo municipal de Ames. Concretamente trátase da cuarta etapa, que discorrerá entre Lalín e Fisterra, e que ten unha distancia de 189 quilómetros. A saída terá lugar ás 12:57 horas. Os ciclistas percorrerán os primeiros quilómetros pola estrada N-525 pasando por Prado, Silleda, Chapa, Bandeira e polo Concello de Oca.
A continuación o pelotón dirixirase dirección A Estrada. La Vuelta ciclista a España tamén pasará polos concellos de Vedra e de Santiago de Compostela antes de chegar ao termo municipal de Ames. Unha vez pase por Bertamiráns o pelotón seguirá por territorio amiense. Posteriormente dirixiranse cara Negreira por onde pasarán entre as 15:15 h e as 15:30 horas. Posteriormente, tomarán dirección Santa Comba pola estrada AC 5604. Despois de pasar pola capital do Xallas o pelotón pasará polo concello de Carnota, O Mirador do Ézaro e Fisterra.
Dende o Concello de Ames informan de que o paso de La Vuelta a España por Bertamiráns pode provocar o corte dalgunhas rúas durante o espazo de tempo que os ciclistas pasen por esta localidade. Dende o Concello pídeselle á veciñanza paciencia e comprensión xa que se trata dunha das probas ciclistas por etapas de maior nivel do panorama internacional.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "La comarca se apunta a la Vuelta"
El Correo Gallego: "A cuarta etapa de La Vuelta a España pasará por Ames"




