[23-02-2011] A mediados do mes de novembro o Concello de Ames puxo en marcha o programa de inserción laboral, InserAmes IV. Este ano mantense o mesmo número de participantes respecto á edición anterior e un total de 100 persoas están beneficiándose deste programa de inserción laboral. En pouco máis de tres meses xa se conseguiron 21 insercións laborais mediante contratos indefinidos e a tempo parcial. A diferencias doutras edicións este ano hai máis iniciativas emprendedoras. Ames é un dos pouco concellos da provincia que segue ofrecendo este programa que está cofinanciado pola Consellería de Traballo e Benestar a través das axudas para os programas integrados para o emprego.
O Concello de Ames no seu afán de intentar diminuír o número de desempregados puxo en marcha un ano máis o proxecto de inserción laboral, InserAmes IV. A través deste programa preténdese capacitar a todos os participantes para buscar a súa inserción no mercado laboral. Sobre todo trabállase con todas aquelas persoas desempregadas que pertencen a colectivos de especiais dificultades para o acceso ao emprego.
Segundo explicou a concelleira de Promoción Económica e Emprego, Úrsula Seijas, "a cuarta edición do programa de inserción laboral InserAmes leva en marcha pouco máis de tres meses pero os resultados que se poden extraer deste proxecto son moi positivos xa que ata o de agora xa se conseguiron 21 insercións laborais con contratos indefinidos e contratos temporais". A diferencia doutras edicións este ano aumentaron as iniciativas emprendedoras polo que se incrementaron as insercións por altas no réxime de autónomos. Das 21 insercións laborais que se realizaron ata o de agora, 14 son contratos temporais, 5 indefinidos e 2 iniciativas emprendedoras por contra propia.
Ames continúa desenvolvendo este programa xa que está avalado polo bos resultados que se obtiveron. Nas tres edicións anteriores conseguíronse 66 insercións laborais de polo menos 6 meses de duración. Na primeira edición houbo 14 insercións, na segunda 18 persoas atoparon traballo e na terceira houbo 34 insercións. Iso danos unha media de 22 insercións cada ano sen contabilizar as insercións conseguidas na actual edición que aínda non rematou. O incremento de insercións foi aumentando progresivamente ao tempo que foron aumentando as prazas ofertadas destro deste plan formativo.
A través do InserAmes lógrase mellorar a empregabilidade dos participantes e aumentar as súas opcións de acceder a un posto de traballo. O obxectivo deste programa é a inserción laboral de polo menos o 35 % dos participantes naqueles eidos de maior índice de paro da nosa comarca. A cuarta edición do InserAmes desenvolverase dende novembro ata o mes de agosto de 2011.
Este programa ten un custo de 106.998,20 euros, dos cales 95.500 euros foron achegados a través dunha subvención da Xunta de Galicia. O resto, 11.498,20 euros, puxos o Concello. O Concello de Ames é un dos poucos municipios da provincia que segue recibindo esta axuda que está encadrada dentro das subvencións para os programas integrados para o emprego.
Actualmente estanse realizando as prácticas do curso formativo para traballar con persoas hiperactivas e en breve comezarán as prácticas do curso de coidador de discapacitados físicos e psíquicos. A formación transversal e especializada impártese nas aulas do edificio de Servizos Múltiples de Aldea Nova. As accións formativas que se impartiron abordan o coidado de persoas con discapacidade, alfabetización dixital, habilidades sociais, busca activa de emprego e creación de empresas. A última acción informativa comezará nas vindeiras semanas.
Anteriormente houbo que realizar o proceso de preselección para elixir aos 100 participantes deste proxecto. As accións formativas intercálanse coas sesións de titoría correspondente aos itinerarios personalizados. A formación propia e o acceso aos recursos existentes no territorio está centrada en varios xacementos de emprego como son o sector da construción e restauración de vivendas; os traballos forestais e relacionado co medio natural; os servizos de atención personalizada de carácter social, así como os sectores e servizos de ocio e culturais, tales como a promoción do turismo, o desenvolvemento cultural local, a promoción do deporte ou o sector audiovisual.
Plan de actuación
O plan de actuación de InserAmes IV, ao igual que os das tres anteriores edicións, inclúe diferentes liñas de actuación coas súas correspondentes fases. O plan de acción comeza coa elaboración do itinerario personalizado de inserción, que establecen unha serie de accións puntuais para titorizar aos participantes e lograr que superen as dificultades que lle adoitan xurdir na busca de emprego.
A continuación lévase a cabo o módulo de busca activa de emprego, que consiste en impartir unha serie de obradoiros, ben en grupo, ben individualmente, cos que avaliar as capacidades e debilidades dos participantes, potenciar as súas actitudes positivas e dotalos das destrezas necesarias e da información básica para lograr emprego. Estes dous pasos preceden aos módulos de desenvolvemento das habilidades sociais, de introdución ás novas tecnoloxías, e o de autoemprego e formación de empresas.
Por último, as liñas de actuación inclúen a formación profesional para o emprego e as prácticas non laborais en empresas. A través deses pasos e despois do desenvolvemento de todo ese traballo, lógrase mellorar a empregabilidade dos participantes e aumentar as súas opcións de acceder a un posto de traballo.
Este proxecto está dirixido a un colectivo de persoas determinado que está integrado polos mozos/as con formación ata Educación Secundaria Obrigatoria ou similar, ás mulleres, que conforman o 52% dos participantes, e tamén ás persoas inmigrantes. Entre as 100 persoas que participan neste programa hai un gran número de mozos e mozas. O 48% restante son homes.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Una veintena de parados encuentran trabajo con el programa InserAmes"