- Tematica
O Centro Cultural Mahía acolleu onte a última xornada do ciclo cultural «Expertas de seu», unha iniciativa que ao longo deste outono puxo en valor o talento, a creatividade e a forza das mulleres galegas en diferentes ámbitos da cultura. Ao longo de tres domingos o público asistente puido gozar dun encontro único con Elena Ferro, zoqueira e artesá de referencia; Araceli Gonda, recoñecida guionista audiovisual; e Cristina Pato, música, escritora, educadora e produtora de transcendencia internacional. Esta iniciativa contou coa colaboración do Concello de Ames e da Deputación da Coruña.
A sesión de peche tivo como protagonista á artista Cristina Pato, recoñecida música, escritora, educadora e produtora de proxección internacional, que compartiu co público unha reflexión profunda e honesta sobre a súa traxectoria laboral. Ao longo do encontro, Pato falou de como xestionar os éxitos, da presión que acompaña o recoñecemento e da importancia de reinventarse ao longo do camiño, pechando etapas para poder seguir avanzando sen perder a conexión cunha mesma.
O acto, celebrado este pasado domingo, 14 de decembro, ás 19:00 horas, no centro cultural de Bugallido, desenvolveuse en formato de arte-coloquio e estivo conducido pola creadora e intérprete Guadi Galego. A conversa percorreu os procesos creativos de Cristina Pato, a súa relación coa música e coa palabra, así como reflexións sobre a identidade, a memoria e o papel das mulleres na cultura contemporánea. Durante o encontro, a autora falou tamén do seu libro máis recente, Fóra de foco, no que afonda nunha mirada persoal e crítica sobre a creación, a exposición pública e os espazos que adoitan quedar á marxe do relato principal.
Tal e como sinalou Cristina Pato, “reinventarse non é empezar de cero, senón ter a valentía de pechar ciclos e volver preguntarse quen es e desde onde queres crear”.
Pola súa banda, Guadi Galego quixo lanzar unha mensaxe directa ás novas xeracións, animándoas a traballar con constancia e compromiso, mesmo sabendo que o camiño creativo esixe moito máis do que ás veces devolve: “Aínda que de partida saibas que vas dedicar máis tempo e máis esforzo do que logo acabarás recibindo, hai que intentalo sempre. Que nos queda se non? Sempre adiante”.
Un dos momentos máis emotivos da tarde chegou coa interpretación en directo do tema «Se me axudas», no que Cristina Pato se puxo ao piano mentres Guadi Galego prestou a súa voz, regalando ao público unha actuación única que pechou o encontro cunha fonda carga simbólica e emocional.
Este último encontro puxo o broche final ao ciclo «Expertas de seu», que contou tamén coa participación de Elena Ferro, zoqueira e referente da artesanía galega, e de Araceli Gonda, recoñecida guionista de cinema. As tres xornadas, celebradas os días 23 e 30 de novembro e 14 de decembro, tiveron lugar no centro cultural de Bugallido e contaron cunha notable asistencia de público, con entrada de balde ata completar a cabida.
Con esta proposta, o Centro Cultural Mahía reafirma o seu compromiso coa divulgación cultural e coa reivindicación do talento das mulleres que constrúen a nosa identidade cultural a través da arte.










