- Tematica
O Centro Cultural Mahía clausura este domingo o ciclo «Expertas de seu», unha proposta cultural que ao longo do outono reuniu en Ames a tres creadoras galegas de referencia, co obxectivo de poñer en diálogo o talento, a creatividade e as voces das mulleres que constrúen a nosa cultura desde múltiples disciplinas. Cristina Pato ofrecerá un arte-coloquio conducido por Guadi Galego, no que afondará na súa traxectoria e nos seus procesos creativos a través da música e da palabra. Será este domingo 14 de decembro, ás 19.00 horas, no centro cultural de Bugallido.
Tras as inspiradoras sesións con Elena Ferro, zoqueira e referente da artesanía galega, e Araceli Gonda, recoñecida guionista de cinema, a terceira e última xornada terá lugar este domingo 14 de decembro, ás 19:00 horas, e estará dedicada á música, á palabra e á creación multidisciplinar de Cristina Pato, música, escritora, educadora e produtora cunha destacada traxectoria internacional.
O encontro desenvolverase en formato de arte-coloquio, conducido pola tamén artista e intérprete Guadi Galego, quen dialogará con Cristina Pato nunha conversa íntima na que se afondará na súa traxectoria creativa, nas súas ideas e na súa maneira de entender a arte como ferramenta expresiva e social. A sesión incluirá ademais pequenas intervencións en directo, que permitirán ao público achegarse á dimensión máis persoal e emocional do traballo da convidada.
As tres xornadas do ciclo, celebradas o 23 e 30 de novembro e este 14 de decembro, teñen lugar no Centro Cultural de Bugallido, cunha excelente acollida por parte do público e con entrada de balde ata completar a cabida.
Con esta última sesión, «Expertas de seu» pon o broche final a unha proposta que reivindica o valor, a diversidade e a forza das mulleres creadoras, así como o seu papel fundamental na construción da identidade cultural galega.
-Data: domingo, 14 de decembro, 19:00 horas (apertura de portas media hora antes).
-Lugar: centro cultural de Bugallido.
-Arte-coloquio: Cristina Pato conversa con Guadi Galego.
-Entrada: de balde, ata completar a cabida.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Coloquio de Guadi Galego con Cristina Pato como fin del ciclo amesano Expertas de seu"






