Pestanas principais

Covas estréase nos “Seráns de Ames” este xoves coas actuacións musicais de TEEN e Ginko Biloba

Martes, 15 de xullo de 2025

Este xoves, 17 de xullo, a partir das 20.00 horas, o campo da festa de Covas estrearase no programa dos Seráns de Ames con dúas frescas e novas propostas musicais. Deste xeito, a parroquia amesá acollerá as actuacións de TEEN e Ginko Biloba, ámbolos dous grupos formados por mozos que están a dar os seus primeiros pasos no mundo da música.

O campo da festa de Covas acollerá este xoves, 17 de xullo, a partir das 20.00 horas, a terceira xornada dos “Seráns de Ames”, unha iniciativa que se desenvolve durante seis xoves dos meses de xullo e agosto e que traerá ao rural amesán diferentes actividades culturais. 

A iniciativa, que orixinalmente naceu no 2021 como os Seráns de Tapia ofrecendo só espectáculos na praia fluvial de Tapia, foi medrando e trasladándose a outras parroquias do rural, apostando por diversificar as propostas culturais de Ames a diferentes localizacións do concello.

A parroquia de Covas acolle por primeira vez unha xornada dos Seráns de Ames, acollendo dúas propostas musicais. Unha delas, será o concerto do grupo de mozos amesáns Teen, cun estilo musical máis instrumental, e a continuación, será a quenda de Ginko Biloba, un grupo formado no 2024 que combina sons máis actuais coma do indie ou electrónica, coa música tradicional. 

Pola súa banda, TEEN é unha agrupación de mozos de 12 e 13 anos, formada por Nilo Casas (acordeón), Tiago Abal (guitarra) e Edward Heybrook (piano). O nome do grupo corresponde, precisamente, á idade dos integrantes da formación. No seu comezo polo mundo da música, están apostando por unha música instrumental de inspiración clásica, no que tamén inclúen influencias doutros xéneros, dende o jazz ou a música do cinema, ata músicas do mundo coma de Brasil ou Arxentina. 

En canto a Ginko Biloba, é unha formación que naceu en Santiago de Compostela o pasado 2024. O seu nome vén da árbore milenaria ginkgo biloba que se atopa en Fonseca. Nas súas primeiras composicións musicais, tratan temáticas relacionadas cos desenganos amorosos, nos que incorporan sons eléctricos, do shoegaze e da música tradicional galega. A pesar da súa curta traxectoria, xa realizaron diversos concertos, coma o da Noite de Samaín na Sala Sónar en 2024, no que conseguiron vender todas as entradas, ou o do Son Xove na Praza Roxa. Ademais, en abril deste ano proclamáronse gañadores do II Certame de Bandas da USC tras un memorable concerto na Igrexa da Universidade. 

Programación dos “Seráns de Ames”
A programación dos Seráns de Ames continuará ao longo do mes de agosto. Deste xeito, o xoves 14, a partir das 20.00 horas, o campo da festa de Trasmonte acollerá a actuación de Pablo Balseiro & Los Cascarillas. Balseiro, músico e compositor dende os 14 anos, ten participado en numerosos proxectos e con bandas ao longo da súa traxectoria profesional, e acumula ás súas costas máis de 600 concertos ás súas costas. 

Así mesmo, a carballeira de Bugallido acollerá o día 21 de agosto, ás 20.00 horas, o espectáculo dirixido para todos os públicos do grupo formado polas ex-integrantes de Leilía, Montse Ribera e Mercedes Prieto, As Armadanzas “Do Courel ao Condado”. Nesta proposta, farase unha viaxe por todo o folclore galego, interpretando pezas de diferentes localidades galegas.

Como vén sendo habitual, a praia fluvial de Tapia tamén será o escenario escollido para pechar os Seráns de Ames. Nesta ocasión, a derradeira xornada do programa terá lugar o xoves 28 de agosto, a partir das 17.30 horas, con dúas actividades. A primeira delas, será Xogos miudiño, dirixida para as crianzas. Xa ás 19.30 horas, pecharanse os Seráns de Ames coa actuación musical de Mary Iglesias.

Novas relacionadas: 

La Voz de Galicia: "Teen y Ginko Biloba estrenan los Seráns de Ames"

Covas estréase nos “Seráns de Ames” este xoves coas actuacións musicais de TEEN e Ginko Biloba

Multimedia

  • Covas estréase nos “Seráns de Ames” este xoves coas actuacións musicais de TEEN e Ginko Biloba
  • Covas estréase nos “Seráns de Ames” este xoves coas actuacións musicais de TEEN e Ginko Biloba