Pestanas principais

A corporación municipal reunirase o luns 29 de xaneiro coa veciñanza do Milladoiro para abordar a problemática do tráfico na N-550

Sábado, 27 de xaneiro de 2018

[27-01-2018] A xuntanza encádrase dentro dos acordos adoptados polas sete forzas políticas de Ames co obxectivo de humanizar o núcleo urbano do Milladoiro. Estes acordos inclúen, asemade, o requirimento dun encontro co ministro de Fomento, Íñigo de la Serna; a petición á Xunta de Galicia e á conselleira de Infraestruturas para que exerzan como mediadores entre o Concello e o Ministerio na procura dunha solución; e solicitude ao Ministerio de Fomento para que ofreza unha solución inminente á problemática do tráfico na N-550 ao seu paso polo Milladoiro. A xuntanza, que se presenta baixo o lema de Queremos solucións!, terá lugar o vindeiro luns, 29 de xaneiro, na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:30 horas.


A comezos de xaneiro, os sete grupos políticos de Ames adoptaron o acordo tras unha xuntanza celebrada na Casa da Cultura do Milladoiro, na que tamén participou a arquitecta municipal. Nela, o alcalde de Ames, José Miñones, deu conta dunha relación de escritos remitidos, ao longo dos últimos anos, tanto á Xunta de Galicia como ao Ministerio de Fomento. Así mesmo, tamén se abordaron os diferentes escritos remitidos entre as diferentes Administracións: un informe remitido por Urbanismo no mes de xuño de 2010 sobre os corredores da variante da Nacional e outros dous documentos gráficos sobre os diferentes nós que, no seu día, se estaban a estudar. Na xuntanza tamén se aportou información acerca do proxecto de construción dunha rotonda na entrada do Milladoiro.

Ao longo da reunión, os diferentes grupos expuxeron os seus puntos de vista de cara a atopar unha solución a esta problemática, coincidindo na necesidade de humanizar a avenida Rosalía de Castro como punto peonil e de esparexemento para a veciñanza, sen limitar as actuacións unicamente á redución do tráfico. A reunión finalizou con catro puntos de acordo: iniciar un proceso de reunións veciñais para escoitar a opinión dos diferentes colectivos; solicitar unha xuntanza co Ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, para que reciba a unha representación da corporación de Ames; instar á Xunta de Galicia e á conselleira de Infraestruturas para que medie entre as dúas Administracións, o Concello e o Ministerio, na procura dunha solución o máis rápida posible; e instar, por último, ao Ministerio de Fomento a dar unha solución inminente á problemática do tráfico na N-550.

Os sete grupos municipais indicaron, durante a xuntanza, a importancia de que a cidadanía do Milladoiro tivese voz neste proceso, polo que se acordou a realización dunha primeira xuntanza cos colectivos de empresarios, educativos, deportivos e coa veciñanza, en xeral, para escoitar as súas achegas e opinións ao respecto. O encontro entre a corporación municipal e a veciñanza celebrarase o vindeiro luns, 29 de xaneiro, na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:30 horas. A Concello de Ames ten solicitada unha xuntanza co Ministerio de Fomento, a administración responsable de decidir a mellor das solucións para a humanización da rúa Rosalía de Castro no Milladoiro, atravesada pola N-550. 


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Reunión con los vecinos de O Milladoiro por la N-550"
La Voz de Galicia: "El gobierno de Ames trata hoy con los vecinos el tráfico en la N-550"