Pestanas principais

A corporación municipal recibe a Nuria Rábano, campioa de Europa coa selección de fútbol feminino sub 19

Martes, 05 de setembro de 2017

[05-09-2017] O alcalde de Ames, José Miñones, acompañado de varios concelleiros/as do grupo de goberno e da corporación municipal recibiron este luns, 4 de setembro, pola tarde a Nuria Rabano, que acaba de proclamarse campioa de Europa coa selección de fútbol feminino sub 19. A xogadora amesá, Nuria Rábano, formou parte deste equipo, aínda que tivo o infortunio de lesionarse no segundo encontro da fase de grupos, polo que non puido disputar os tres últimos partidos da fase final do Europeo. Para Nuria Rábano foi a súa primeira fase final dunha Eurocopa. O Concello de Ames está realizando unha serie de recepcións a veciños e veciñas de Ames con logros destacados en diversos ámbitos.

O rexedor municipal e os concelleiros/as do grupo de goberno e da corporación municipal, puideron coñecer de primeira man a experiencia vivida por Nuria Rábano na primeira fase final dun campionato de Europa, que disputou durante o mes de agosto en Irlanda do Norte. A xogadora amesá, que actualmente milita no Real Club Deportivo da Coruña, asinou no libro de sinaturas do Concello de Ames. Ademais, o alcalde entregoulle un libro con fotografías e historia do municipio.

Nuria Rábano disputou os dous primeiros partidos da fase de grupos ante a selección anfitrioa, Irlanda do Norte, e contra o combinado de Alemaña. A dianteira amesá tivo o infortunio de lesionarse no segundo encontro da fase de grupos, polo que non puido disputar os tres últimos partidos da fase final do Europeo. Na fase de grupos a selección española gañou dous partidos contra Irlanda do Norte e Escocia e perdeu contra Alemaña. Deste xeito, clasificouse para semifinais onde lle gañou a Holanda.

Na final impúxose a Francia por 2-3, proclamándose campioa da Eurocopa. Trátase do segundo título de Europa nesta categoría para la selección española, que xa logrou este mesmo torneo en 2004. Ademais, ao quedar entre as catro mellores do Europeo, a selección española clasificouse de xeito directo para disputar en 2018 o mundial sub-19 en Francia.