Pestanas principais

A Corporación municipal entrégalle a medalla do Concello de Ames a Anxo Carracedo no acto de celebración do Día de Galicia

Martes, 24 de xullo de 2018

[24-07-2018] Este luns, 23 de xullo, tivo lugar as 20.00 horas no Pazo da Peregrina a celebración do Día de Galicia organizada polo Concello de Ames. Este acto, no que varios veciños e veciñas se animaron a ler varios poemas propios, tamén estivo marcado polo carácter reivindicativo dos discursos dos distintos grupos políticos municipais e a música interpretada por M.J. Pérez e Ailén Kendelman, así como pola entrega da medalla do Concello ao catedrático Anxo Carracedo.


O Concello de Ames organizou para este luns, 23 de xullo, ás 20.00 horas, un acto institucional con motivo do Día Nacional de Galicia, no que se reuniron autoridades municipais, membros de asociacións e veciñanza de Ames. Durante o acto, que durou unha hora e media, varios veciños e veciñas amesás subiron a ler poemas que se apoiaron sobre un fío condutor común: o sentimento de ser galegos. 

Acto reivindicativo 
Deste modo, a primeira en subir ao escenario foi Iria Pérez, finalista na modalidade de poesía do XV Certame Literario de Narrativa e Poesía celebrado en maio polo Concello de Ames, que leu o poema ‘Terra’ de Manuel María. A continuación, foi a quenda dos veciños Tino Seoane e José Luís Vázquez Mirazo, que deleitaron aos asistentes coa lectura de dous escritos propios, nos que se reivindicaron o rural galego, á vez que se denunciou a falta de servizos con respecto aos núcleos urbanos. 

De seguido, tomaron a palabra os distintos grupos políticos municipais, que na súa maioría incidiron nos sentimentos e valores do pobo galego, sen perder de vista o ton reivindicativo que reinou durante todo o acto, e que se centrou no feminismo e na necesidade de protexer a lingua galega. 

Así, a primeira en tomar a palabra foi Isabel Vaquero, concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, que fixo fincapé na necesidade de un novo estatuto galego que permita protexer o noso idioma, blindar dereitos e restituír ás vítimas do franquismo ao tempo que se penalicen os beneficios dos herdeiros do ditador. 

De seguido, chegoulle a quenda a Ramón García Argibay, voceiro de Pacto por Ames, que sinalou o Camiño de Santiago como berce da nosa cultura, e o carácter acolledor de Galicia e Ames, ao tempo que tivo unhas palabras para Anxo Carracedo, como representación da Galicia ilustrada que diariamente é representada por numerosas persoas anónimas. Neste sentido tamén se referiu ao galardoado Oliva Agra, coceira do Partido Popular de Ames, que incidiu en que o tamaño dun país é establecido polos homes e mulleres que mostran o mellor de si mesmos para deixar en alto o nome de Galicia, como é o caso de Carracedo, e que comparten uns valores herdados da Europa dos peregrinos, marcados pola solidariedade. 

Pola súa parte, Genma Otero, concelleira de Economía e Facenda, leu unhas palabras extraídas do poema ‘Limiar’ de María Victoria Moreno, escritora á que se lle adicou o Día das Letras Galegas 2018, ademais de adicar unhas palabras á beleza do idioma galego. 

Por último, Enrique Costas, voceiro de Ames Novo, e Blas García, concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos; puxeron o toque feminista a dito acto. Namentres o voceiro de Ames Novo quixo acentuar o carácter reivindicativo da “matria galega” para que a galega se converta nunha cidadanía empoderada que loita polos seus dereitos; o concelleiro socialista fixo unha reivindicación do papel da muller ao largo da historia galega, a través de varios poemas de Rosalía de Castro, autora moi ligada ao concello de Ames, para rematar recalcando a necesidade de concienciar para acadar a igualdade. 

Entrega da medalla do Concello de Ames a Anxo Carracedo 
Por último, o alcalde José Miñones fíxolle entrega ao catedrático Anxo Carracedo da medalla do Concello de Ames. Pese aos múltiples premios acadados ao longo da súa extensa vida profesional, Carracedo confesou que “este é un premio que ven dos veciños, da xente, polo que é un dos máis importantes”. 

Tamén aproveitou para achegarlles aos asistentes varias anécdotas sobre a súa chegada ao concello de Ames, e o seu día a día en Bugallido. Por último, fixo fincapé na importancia de achegar a ciencia aos rapaces e rapazas, pero sobre todo, en achegarlle os valores e a proximidade que el atopou nos seus veciños. 

Carracedo é recoñecido, ademais de pola súa traxectoria profesional, pola súa visión humanizada da ciencia e o seu compromiso coa divulgación científica. Actualmente coordina a investigación coa labor docente. É profesor de Medicina Legal, Ética Médica e Bioloxía Molecular na facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. 

Por outro lado, a nota musical correu a cargo de M.J. Pérez e Ailén Kendelman, que actuaron de xeito conxunto durante toda a celebración, ata rematar co himno galego, momento no que foron acompañadas por todos os asistentes. 

M.J. Pérez é unha das novas voces do panorama actual da música galega que está pisando forte. Logo de 2 discos autoproducidos e de case 100 concertos por toda Galicia, agora M.J. Pérez presenta “Casandra” o seu terceiro disco. Casandra é o primeiro disco de estudio da artista arzuá, no que ademais conta con colaboracións especiais como son Paco Cerdeira, Ailén Kendelman ou Richi Casás.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames adelantó la fiesta del Día de Galicia y entregó su medalla de honor a Ángel Carracedo"
Compostela 24 horas: "Ames concédelle ao catedrático Ángel Carracedo a medalla do Concello de Ames"