[13-05-2014] Os membros da Corporación municipal amiense e os traballadores do Concello de Ames mostraron esta mañá a súa repulsa ao asasinato da presidenta da Deputación de León, Isabel Carrasco. A presidenta da Deputación de León faleceu a tarde do luns asasinada a tiros nas inmediacións da súa casa. Os asistentes á concentración gardaron un minuto de silencio diante da casa consistorial en Bertamiráns.
O Concello de Ames sumouse ás diferentes concentracións en sinal de duelo que se realizaron este martes por este asasinato. Isabel Carrasco, de 59 anos, presidenta da Deputación de León e do Partido Popular na provincia, foi asasinada onte, a escasos metros do seu domicilio, cando se dirixía á sede do partido, desde onde tiña previsto ir cun grupo de compañeiros a Valladolid, para asistir ao mitin da campaña das eleccións europeas que ía clausurar Mariano Rajoy.
Dende o Concello de Ames maniféstase a máis firme condena ante este suceso. O alcalde de Ames, Santiago Amor; a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín; o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, e os edís Isabel González, Francisco Villaverde, Pilar Candocia e Alfonso Rey participaron na concentración contra este asasinato, na que se gardou un minuto de silencio. Nesta concentración tamén participaron varios traballadores municipais.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Minuto de silencio en Santiago y comarca por el asesinato de Isabel Carrasco"




