Pestanas principais

A Corporación municipal debate sobre o modelo de xestión da recollida do lixo de Ames

Venres, 13 de outubro de 2023

Este venres, 13 de outubro de 2023, ás 10.00 horas, celebrouse un pleno extraordinario solicitado polos grupos municipais do BNG e de Espazo Común, no que se debateu sobre o modelo de xestión da recollida do lixo de Ames e solicitouse información sobre as actuacións realizadas pola Alcaldía coa Mancomunidade Serra do Barbanza. Debido ás obras que se están a realizar no salón de Plenos do Concello de Ames, a sesión celebrouse no Pazo da Peregrina. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.

O pleno comezou co voceiro do grupo municipal do BNG, David Santomil, dando conta da exposición de motivos sobre a solicitude de convocatoria dun pleno extraordinario, feita polo BNG e Espazo Común, para debater sobre o modelo de xestión da recollida do lixo de Ames, así como solicitar información sobre as actuacións realizadas pola Alcaldía coa Mancomunidade Serra do Barbanza.

Santomil explicou que “o obxectivo é debater sobre cal vai a ser a postura de Ames de forma clara en relación á Mancomunidade Serra do Barbanza, pero tamén sobre o modelo que o Concello de Ames quere afrontar nos vindeiros anos de cara a xestión dos residuos sólidos urbanos. Estamos nunha situación crítica xa que non hai capacidade para seguir facendo vertidos na propia planta. Dende o BNG instamos á Xunta de Galicia a que dea resposta ás solicitudes que fixo a propia Mancomunidade para axilizar as diferentes autorizacións e licenzas. Temos unha serie de dúbidas sobre como vai afectar economicamente esta situación ao Concello de Ames e aos recibos que pagan os veciños e veciñas amesáns, así como afectará ao colectivo de traballadores/as da planta de Servia”.

O voceiro do BNG tamén dixo “cremos que hai unha necesidade clara de transparencia e dispor de información sobre a posición que vai adoptar o Concello de Ames. É importante que cheguemos a acordos. Esta convocatoria feita xunto coa concelleira de Espazo Común non vai contra ninguén, senón que o obxectivo é que dende a Corporación municipal nos poñamos de acordo sobre cal vai a ser a postura do Concello de Ames  sobre a Mancomunidade”.

A concelleira de Espazo Común, Luísa Feijóo, tamén explicou o motivo da solicitude deste pleno extraordinario. “Estamos vendo que o diálogo e maila transparencia non se está aplicando a temas de especial relevancia para a veciñanza do noso concello, como é o que hoxe nos ocupa que é a posible entrada como socio de pleno dereito na Mancomunidade Serra do Barbanza, tendo que informarnos polos medios de comunicación das reunións que se están realizando con traballadores/as e coa propia Mancomunidade. Vemos así vulnerado o noso dereito a intervir na xestión deste asunto de especial importancia para o concello, ao non recibir información de primeira man”.

Luísa Feijóo tamén explicou “tendo en conta que dos 86.000 habitantes aos que presta servizo a Mancomunidade, arredor de 30.000 son de Ames. É evidente o peso que ten o noso Concello, polo que é necesario abrir un debate serio e rigoroso sobre a necesidade de ter unha información clara e fidedigna sobre a situación real da Mancomunidade e as cargas as que tería que facer fronte o Concello no caso de entrar como socio de pleno dereito. Tamén haberá que falar sobre as condicións que se establezan na nova licitación porque seguramente haberá que incrementar o servizo, polo que teremos que saber como van repercutir este cambios no orzamento municipal e sobre todo no recibo que paga a veciñanza”.

A voceira do Partido Popular de Ames, Oliva Agra, destacou “despois de escoitar aos meus compañeiros e compañeiras, teño que dicir que estou totalmente de acordo en que se debe solicitar información sobre este tema, pero este asunto non é de agora senón que o Partido Popular xa leva pendente del durante os últimos oito anos. O convenio que tiña o Concello de Ames coa Mancomunidade expirou no ano 2015. Existía a posibilidade de prorrogar o convenio por outros nove anos ou a posibilidade de que Ames se integrase na Mancomunidade como socio de pleno dereito. En decembro de 2015 o tripartito do Concello de Ames deixou clara a súa aposta por continuar na Mancomunidade. Como socio de pleno dereito corresponderíalle pagar o 40% dos novos vehículos necesarios. Ademais estimábase que a cota que actualmente se está pagando de 92.000 euros ao mes se incrementaría nun 12%. Por este motivo o tripartito pediu unha prorroga de seis meses agardando unha proposta definitiva. En febreiro de 2018 encargouse un novo estudo económico sobre o custe que lle suporía ao Concello seguir enviando o lixo á Mancomunidade Serra do Barbanza ou levalo a Sogama. Na actualidade, pola información que temos, todo segue igual”.

Oliva Agra engadiu “dende este grupo municipal xa levamos moito tempo interesados neste tema. O 30 de agosto de 2018 o Partido Popular presentou por rexistro un escrito solicitando información sobre este asunto. Cinco anos despois, sen ter coñecemento de que se fixese outro estudo posterior, parécenos moi importante o que se está debatendo  e tamén nos parece importante que se acheguen datos importantes sobre a xestión do servizo de recollida de lixo en Ames, pero dende este grupo municipal sen datos non podemos debater se é mellor unha forma de xestión ou outra”.

Posicionamento do Goberno municipal
O alcalde, Blas García, comezou dicindo que “non entendo a convocatoria deste pleno porque no pasado pleno ordinario celebrado o 28 de setembro o voceiro do Bloque Nacionalista Galego preguntou cal era a posición do Goberno sobre a Mancomunidade e a miña resposta foi que, como xa se falara en anteriores mandatos, era entrar a formar parte na Mancomunidade como socios de pleno dereito. O día seguinte o BNG e ESCO presentaron unha solicitude de pleno extraordinario. Eu estou disposto a debater sobre o sistema e falar sobre como funciona a Mancomunidade, pero o único que escoitei foi un relatorio sobre o que aconteceu nos últimos anos, pero no escoite ningunha proposta. Ademais hai outras fórmulas sen ser un pleno extraordinario. Pode facerse a través dunha comparecencia nun pleno ordinario ou nunha comisión extraordinaria”.

“A posición deste Goberno, que se mantén respecto da posición do mandato anterior na que BNG e Luísa Feijóo érades parte do Goberno, é apostar pola Mancomunidade Serra do Barbanza, por varias razóns, a primeira por manter os postos de traballo que hai actualmente en dita Mancomunidade que son sobre 170 traballadores e traballadoras. Somos conscientes de que se Ames abandona a Mancomunidade perdería ao Concello maioritario coa conseguinte perde de postos de traballo. En xullo de 2022 mantivemos en Lousame unha xuntanza co que naquel momento era o presidente da Mancomunidade e co responsable da planta para trasladarlle a nosa intención de entrada como socios de pleno dereito, cunha serie de condicións. A primeira é non ter que asumir ningún custe derivado das sentenzas que haxa anteriores a nosa entrada e outra é a profesionalización da Mancomunidade. Nós seguimos apostando polo servizo e polo traballo que se fai na Mancomunidade”.

O rexedor municipal continuou dicindo “o contrato rematou o pasado 23 de setembro. Realizouse unha prórroga con FCC de dous anos e unha posible ampliación dun terceiro ano. A empresa non está de acordo coa prórroga porque di que as condicións cambiaron, pero ten que seguir prestando o servizo porque trátase dun servizo básico. Nós agora temos que agardar a que nos conviden a entrar como socios de pleno dereito. A partir dese momento poderemos coñecer a situación real e o que temos que achegar. O que queremos é poder opinar e decidir. Loxicamente hai que elaborar uns novos pregos nos que haberá que adaptar o novo sistema á normativa europea que se estableza”.

Posicionamento da oposición
O voceiro do BNG, David Santomil, respondeu “estou de acordo co posicionamento do Goberno municipal, pero co que non estou de acordo é en deslexitimar a convocatoria deste pleno extraordinario porque é unha figura que existe no ROM e ademais xa serviu para coñecer novos datos sobre a situación actual da Mancomunidade. Para entrar como socios de pleno dereito teremos que ter os datos previamente. Facemos autocrítica sobre que en todos eses anos non fomos capaces de darlle un impulso maior á Mancomunidade. Dende xa temos que poñernos a traballar para impulsa a Mancomunidade. Os datos que nos chegaron son que o 30,14% dos custes son asumidos polo Concello de Ames”.

A concelleira de Espazo Común, Luísa Feijóo, tamén dixo que “a convocatoria deste pleno xa nos serviu para dispor de nova información como que vai haber ese convite formal da Mancomunidade ao Concello de Ames para ser socio de pleno dereito. A Mancomunidade leva 20 anos funcionando e nunca fomos capaces de dar ese paso adiante para ser socios. Nós estamos totalmente a favor da continuidade na Mancomunidade Serra do Barbanza porque é un dos modelos de xestión máis avanzados de Galicia. O lóxico é coñecer as condicións antes de entrar, porque despois xa pouco marxe de manobra teremos”.

A voceira do Partido Popular de Ames, Oliva Agra, engadiu que “hoxe o que se está dicindo aquí é o posicionamento de cada grupo. Cando este tema vaia a pleno pronunciarémonos se estamos a favor de continuar na Mancomunidade Serra do Barbanza ou cremo que hai unha mellor opción, de momento non dispoñemos dos datos suficientes para mostrar o noso posicionamento”.

O alcalde incidiu en que “temos que apostar por un sistema e xestión máis profesional. Agora é momento no que hai que decidir se o sistema segue adiante. Hai que elaborar os pregos e hai que saber con cantos Concello se conta. Agora é momento de tomar decisións. O Concello de Ames quere continuar coa Mancomunidade. O sistema seguramente vai a ser máis caro, pero aínda así cremos que vai ser máis económico que Sogama ou outro sistema. O que ten que ser é un servizo de calidade para a cidadanía”. Finalizou dicindo que “a entrada na Mancomunidade será debatida en pleno con datos e coa información necesaria. Eu non deslexitimo este pleno, digo que non me parece ético que un día despois de preguntar por este tema no pleno ordinario de setembro se convoque un pleno extraordinario porque existen outras vías”.

O voceiro do BNG, David Santomil, rematou dicindo que “a  convocatoria deste pleno xa foi positiva porque xa sabemos que imos dispoñer de información e datos para debater a entrada de Ames na Mancomunidade. Ademais, coñecemos o posicionamento de cada grupo municipal sobre este asunto, algo que tamén é importante”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames espera la invitación de Serra do Barbanza para entrar como socio"

AMS GO!: "O Goberno local aposta por entrar na Mancomunidade Serra do Barbanza con condicións"

AMS GO!: "Pleno extraordinario en Ames sobre a Mancomunidade e a recollida de lixo"

Lindeiros: "A oposición de Ames pide datos antes de entrar na Mancomunidade Serra do Barbanza"

Imaxe do pleno extraordinario do 13 de outubro

Multimedia

  • Imaxe do pleno extraordinario do 13 de outubro
  • Imaxe do pleno extraordinario do 13 de outubro
  • Imaxe do pleno extraordinario do 13 de outubro
  • Imaxe do pleno extraordinario do 13 de outubro