Pestanas principais

A corporación municipal debate sobre o Ciclo integral da auga nun pleno extraordinario solicitado por Pacto por Ames e polo Partido Popular

Venres, 23 de xuño de 2017

[23-06-2017] Este xoves, 22 de xuño, celebrouse un pleno extraordinario por petición dos grupo municipais de Pacto por Ames e do Partido Popular. Nesta sesión a corporación municipal debateu sobre diversos aspectos do Ciclo Integral da Auga do Concello de Ames. Os edís de PxA e do PP pediron información sobre a UTE Acciona Agua Espina Servicios, que xestionou o servizo municipal de abastecemento e saneamento de auga entre o 1 de febreiro de 2015 e mailo 15 de xuño de 2017. Deste xeito, preguntaron polas facturas de gran importe que emitiron a varios veciños/as; o estado dos procedementos de sanción iniciados polo goberno municipal; o estado da liquidación polos servizos prestados por dita UTE; e o estado do pago do canón e das obras realizadas neste concepto. Ademais, solicitaron información sobre o estado de liquidación da empresa Espina & Delfín e sobre a repercusión xurídica das medidas cautelares presentadas ao proceso de licitación.

A orde do día recolleu seis puntos nos que os grupos municipais de Pacto por Ames e do Partido Popular solicitáronlle ao goberno información sobre sobre a UTE Acciona Agua Espina Servicios, que xestionou o servizo municipal de abastecemento e saneamento de auga entre o 1 de febreiro de 2015 e mailo 15 de xuño de 2017. Dende o goberno municipal responderon que as facturas con importes elevados emitidas pola UTE Acciona Agua Espina Servicios foron reclamadas e están pendentes de resolver.

Sobre o procedemento de sanción iniciado polo goberno informouse que na Xunta de Goberno Local deste xoves, 22 de xuño, aprobou sancionar a dita UTE cunha sanción de multa pola contía de 6.001,00 euros, por cada unha das infraccións, o que xera un total de 12.002 euros de sanción pecuniaria. No tocante á liquidación do servizo prestado por esta unión temporal de empresas comunicouse que aínda non está dispoñible dita liquidación e que se achegará información cando estea rematada. No cuarto punto aclarouse que a UTE débelle ao Concello unha contía de 140.000 euros en concepto de canón. Sobre o quinto e sexto punto explicouse que xa existían os informes xurídicos necesarios e que polo tanto non eran necesarios novos informes.

Intervencións de Pacto por Ames e do Partido Popular
O voceiro do grupo municipal de Pacto por Ames, Ramón García Argibay, comezou explicando o motivo polo que solicitaron dito pleno extraordinario xunto cos edís do Partido Popular. “Este pleno solicitouse porque o goberno municipal non cumpriu co estipulado. Todos os grupos renunciamos a cuestións programática para chegar a un acordo e elaborar uns pregos para o Ciclo integral da auga, pero ocultóusenos información dende o primeiro momento. Hai documentación que se solicitou e non se nos entregou. Aparte dos acontecementos xurídicos que rodearon este proceso, non se nos informou debidamente. Polo tanto vímonos na obriga de solicitar este pleno para clarexar esta situación. Tanto dende Pacto por Ames cono dende o PP estamos de acordo en que o proceso de licitación foi correcto, pero dende o primeiro momento non se nos facilitou toda a información que había”.

Argibay tamén insistiu na necesidade de dispor dunha copia do libro de reclamacións para coñecer o número de reclamacións que houbo, cantas se atenderon, cantas non, canto diñeiro se cobrou, canto está pendente de cobro, etc.

A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, indicou que “tivemos que pedir un pleno extraordinario para que o goberno municipal nos responda a varias preguntas que non foron respondidas anteriormente e das que non termos información. Moitos veciños e veciñas puxéronse en contacto con nós debido aos elevados importes que aparecían nas facturas emitidas pola UTE Acciona Agua Espina Servicios. Polo que queremos saber o estado no que se atopan as queixas presentadas por ditos veciños e veciñas porque a día de hoxe non obtivemos resposta”.

Intervencións do goberno municipal
Por parte do goberno municipal, interveu o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, que dixo “a información está toda encima da mesa e dispoñedes dela dende o primeiro momento. Non se ocultou nada. Existen facturas que foron reclamadas, pero dende Pacto por Ames non se reclamou ningunha factura e o PP reclamou dúas. Sodes coñecedores e que as relacións coa UTE Acciona Agua Espina Servicios non foron boas dende o comezo. O grave desta situación foi que en decembro de 2016 quixeron cortarlle o subministro de auga a 1.300 veciños e veciñas, para evitar iso houbo que facer un decreto de Alcaldía paralizando ditos cortes. Ademais, houbo que elaborar outro decreto para restablecerlle o servizo a outros 130 usuarios/as que non puideron aboar as elevadas facturas que lle foron emitidas. Pedíuselle o libro de reclamacións e aínda non o enviaron. Sorprende a petición deste pleno porque todos estes asuntos foron tratados nas numerosas reunións e comisións informativas que tivemos anteriormente”.

O alcalde, José Miñones, manifestou que "todo o proceso da auga foi transparente e a información estivo a disposición dos concelleiros". Ademais amosou abundante documentación ao respecto da acusación de ocultación de información que desmentía tal feito, como foi o contrato da asistencia técnica asinada polo anterior mandatario, a factura do pago que aparece no decreto de decembro de 2016, a copia do informe sobre a liquidación de Espina & Delfín de setembro de 2016 e indicou que "tanto PP como PxA precipitáronse na solicitude deste pleno e pretenden coñecer información antes incluso que o propio goberno ou que a conformación dos expedientes”. Por último, incidiu en que “para solicitar información non é necesario un pleno extraordinario".

Intervención de Ames Novo e do concelleiro non adscrito
Dende o grupo municipal de Ames Novo, María Jesús Bóo, destacou “a necesidade de controlar e velar polos dereitos dos consumidores nos recibos e factura mal cobradas. Está claro que a empresa non respondeu axeitadamente. O que lle temos que esixir ao goberno é que controle esta situación e se resolva, pero nós non queremos que nos entreguen unha copia do libro de reclamacións, non a necesitamos. Xa se fixeron preguntas sobre estes temas en reunións e comisións anteriores. Se lle damos o poder as empresas privadas, son elas as que manexan os servizos municipais como queren. Non podo deixar pasar esta ocasión para volver a reclamar que se comece o antes posible para municipalizar este servizo tan importante”.

Por último, o concelleiro non adscrito, Javier López, tamén manifestou a súa sorpresa ante a petición de dito pleno. “O proceso de licitación do Ciclo integral da auga foi un traballo arduo no que se manexou moita documentación. A min paréceme que neste caso o goberno municipal informounos correctamente en todo momento, polo que me pareceu un proceso exemplar. Non son consciente de que se nos ocultase información en ningún momento. Hai cousas que se puideron facer mellor, pero non me sentín enganado nin creo que se me ocultase información. O único que lle podo reprobar ao goberno e que non me respondera a todas as preguntas que lle enviei sobre este tema”.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Concello abordó en un pleno monográfico el nuevo contrato"
El Correo Gallego: "Alivio en Ames tras la vuelta al ciclo del agua de su Espina y Delfín"
La Voz de Galicia: "La oposición de Ames reclama facturas de la anterior concesionaria del agua"