[16-04-2014] O Concello de Ames celebrará o vindeiro luns, 21 de abril, as comisións informativas previas ao pleno ordinario de abril. Nestas comisións informativas abordarase a aprobación definitiva do regulamento do servizo municipal de abastecemento de auga potable, saneamento e depuración do Concello de Ames, despois de que houbese que introducir certas correccións notificadas por Augas de Galicia. Tamén se tratará a aprobación da modificación do regulamento de funcionamento do mercado de venda ambulante do Concello de Ames, xa que se pretende cambiar o emprazamento, a hora e os días do mercado do Milladoiro. Ademais, abordaranse seis mocións presentadas polo grupo popular, polo grupo socialista, e polos concelleiros/as non adscritos.
No pleno ordinario de xaneiro, celebrado o pasado 30 de xaneiro, aprobouse de xeito inicial o regulamento do servizo municipal de abastecemento de auga potable, saneamento e depuración do Concello de Ames. Este regulamento someteuse a exposición pública por un prazo de 30 días hábiles e remitise a Augas de Galicia para que emitise o correspondente informe sectorial. Durante o trámite de exposición pública non se presentou ningunha alegación ao regulamento, pero o pasado 25 de marzo Augas de Galicia emitiu un informe, que tivo entrada no Concello de Ames o pasado 3 de abril, no que reflectía a necesidade de introducir determinadas correccións no texto do devandito regulamento.
Unha vez feitas esas correccións o regulamento foi enviado de novo a Augas de Galicia. Este organismo informou favorablemente o pasado 10 de abril. O informe de resposta entrou no rexistro do Concello de Ames o pasado 15 de abril. Introducidas todas as correccións indicadas por Augas de Galicia, a corporación municipal deberá aprobar, se procede, definitivamente este regulamento, que describe o réxime xurídico do servizo e a mecánica das relacións entre usuarios/as e a entidade prestadora.
Cómpre lembrar que este regulamento foi elaborado e consensuado no marco dunha comisión creada ao efecto e na que estiveron representados o goberno municipal e a oposición. O texto, elaborado ao amparo da Lei de Augas, recolle as necesidades e dereitos dos usuarios/as e do Concello. No regulamento, composto por 132 artigos, establécese que o servizo de abastecemento e saneamento seguirá ostentando, en todo momento, a condición de servizo público municipal, sen prexuízo da forma de xestión que finalmente se aprobe.
Regulamento do mercado de venda ambulante
O pasado 7 de marzo o concelleiro de Comercio, Bernardo Moar, mantivo unha xuntanza co presidente da Asociación Profesional de Comercio Ambulante e Comercio en Prazas de Abastos de Galicia (ACAPAG), José Manuel Liste, para estudar o cambio de ubicación, da data e hora de celebración do mercado de rúa, que se desenvolve na localidade do Milladoiro debido a falta de afluencia que está tendo.
Nesta xuntanza acordouse o cambio de emprazamento do mercado de rúa do Milladoiro, que pasará a celebrarse no aparcadoiro da rúa Travesía do Porto, que está situada no polígono empresarial Novo Milladoiro. Ademais, acordouse cambiar a data e hora de celebración deste mercado de rúa, que pasará a celebrarse o segundo e cuarto venres de cada mes, en horario de 9:00 h a 14:00 horas. Para levar a cabo estes cambios é necesario que a corporación municipal aprobe a modificación do regulamento de funcionamento do mercado de venda ambulante do Concello de Ames.
Ademais, abordaranse seis mocións presentadas polo grupo popular, polo grupo socialista, e polos concelleiros/as non adscritos. O grupo municipal popular presenta unha moción para instar ao goberno central, para que o texto de reforma da Lei orgánica do poder xudicial teña en conta as especificidades e peculiaridades propias de Galicia. O grupo municipal socialista presenta tres mocións. A primeira sobre o IVE dos servizos de perruquería; a segunda para rexeitar a supresión dos partidos xudiciais existentes en Galicia; e a terceira para instar ao goberno de España a regresar ao Pacto de Toledo e rexeitar a reforma imposta na Lei 23/2013 reguladora do factor de sustentabilidade e do índice de revaloización do sistema de pensións da Seguridade Social.
Por outra banda, os concelleiros/as non adscritos María Dolores Fernández, Alfonso Rey, María González, Manuel Ferreiro, Emilio Martínez e Ramón García presentaron unha moción sobre o horario de apertura da oficina postal de Correos no Milladoiro, mentres os concelleiros/as non adscritos Pilar Candocia Olaia Alvite, Susana Mayo e Anxo Doval presentaron unha moción para a restitución simbólica nos seus cargos da corporación democrática destituída en xullo de 1936.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "A modificación dos regulamentos de abastecemento de auga e o mercado de venta ambulante serán tratados no pleno ordinario de abril"
El Correo Gallego: "A Feira do Comercio Val da Maía celebrarase os días 9, 10 e 11 de maio"
La Voz de Galicia: "La Feira do Comercio de Ames se celebrará del 9 al 11 de mayo"
La Voz de Galicia: "El Concello quiere resucitar el mercadillo de Milladoiro"




