Pestanas principais

A corporación municipal abordará a aprobación das obras incluídas no plan provincial DTC 93 “Unha Deputación para todos os concellos” no pleno extraordinario que se celebrará este martes 13 de maio

Martes, 13 de maio de 2014

[13-05-2014] O goberno municipal convocou un pleno extraordinario e urxente para este martes, 13 de maio, co obxectivo de aprobar as obras incluídas no plan provincial DTC 93 “Unha Deputación para todos os concellos”, que está dotado de 277.770,78 euros. O Concello de Ames dedicará o 100% desta contía a execución de seis proxectos, que se consideran fundamentais para a veciñanza amiense. Ademais, a corporación municipal deberá prestar aprobación, se procede, de xeito inicial ao regulamento de funcionamento do mercado de venda ambulante do Concello de Ames, xa que se pretende cambiar o emprazamento, a hora e os días do mercado do Milladoiro.

O goberno municipal xa iniciou no pasado mes de decembro os primeiros contactos cos membros da oposición para determinar as obras que se incluirían neste plan provincial. O pasado 28 de abril mantívose unha xuntanza na que o goberno lle expuxo á oposición as obras que ía incluír neste plan e onde os membros da oposición presentaron as súas propostas.

O goberno municipal propón seis obras para que se sufraguen cargo ao Plan DTC 93 “Unha Deputación para todos os concellos”, que puxo en marcha a Deputación Provincial da Coruña. Un dos proxectos é a reparación do camiño, que vai dende Ponte Lapido ata A Tarroeira (Ortoño). Esta obra consiste na mellora da capa de rodaxe deste camiño, para mellorar o tránsito pola devandita estrada, tanto dos vehículos coma dos peóns. Neste proxecto tamén se inclúe a reparación dun muro de contención, que está en estado de derrubamento no lugar de Castiñeiro do Lobo, e a reparación da rúa Rueiro e da rúa Arrucheiro, ambas situadas na localidade de Bertamiráns. Este proxecto conta cun orzamento de 36.777,94 euros.

Outro dos proxectos que se inclúen neste plan é a reparación do cruce do camiño que vai do Milladoiro a Ventín. Esta actuación é moi importante, xa que afecta a unha vía de entrada cara o CEP de Ventín, que conta cun gran volume de tráfico no momento en que o alumnado entra e sae do centro educativo. Esta obra tería un custo de 63.253,11 euros.

Neste plan provincial tamén está incluído o proxecto de reparación do camiño que vai dende o lugar da Mámoa ata a praia fluvial de Tapia. Esta obra consiste na reparación do viario co correspondente tratamento asfáltico superficial. Ademais, neste proxecto inclúese a reparación do camiño transversal que discorre polos lugares de Capeáns, Covas e A Igrexa, na parroquia de Covas, así como a reparación interior en Quistiláns. Estas obras, que contan cun orzamento de 30.422,95 euros, mellorará a seguridade viaria das devanditas estradas, dando resposta ás necesidades dos veciños da zona.

Reforma da estrada da rúa do Pedregal
No tocante ó proxecto de reforma da estrada que vai dende a rúa do Pedregal ata a rotonda de Poeta da Maía, en Bertamiráns, realizarase unha mellora da capa de rodaxe deste viario. Así mesmo, reporanse as beirarrúas en dous treitos con bordo de formigón e baldosa de formigón vibrado. Antes de reparar o pavimento contémplanse a colocación de varias canalizacións para o saneamento, a recollida de pluviais, as liñas eléctricas, de comunicacións e de iluminación pública. Neste proxecto tamén se contempla a colocación da sinalización horizontal e o pintado de liñas en bordes, símbolos, pasos de peóns e isletas. A actuación dará resposta a un problema de seguridade peonil existente nesta zona situada en pleno núcleo urbano de Bertamiráns. Este proxecto conta cun orzamento de 66.322,97 euros.

O proxecto de reparación do camiño paralelo ao campo de fútbol de Bertamiráns cara o lugar de Castrigo consiste na reparación do devandito camiño, pero ademais inclúe outra obra que é a reparación do camiño da Tarroeira, situado na parroquia de Ortoño, que consiste na mellora da capa de rodaxe deste viario. Esta obra, que conta cun presuposto de 35.298,62 euros, facilitará o transito dos vehículos cunhas condicións idóneas de seguridade.

Por último, o proxecto de reparación do camiño que vai dende o lugar de Piñor ata A Garea, na parroquia de Agrón, consistirá na mellora da capa de rodaxe do devandito camiño e a colocación da correspondente sinalización horizontal. Esta actuación mellorará a seguridade viaria, tanto de peóns coma de vehículos, dando resposta ás necesidades da zona. Este proxecto conta cun orzamento de 45.695,19 euros.

Ademais, hai que destacar que no plan provincial DTC 93 adicional inclúense tres obras máis que son o proxecto denominado “reparación do camiño de Capeáns ao camiño de Covas e outros” que conta cun presuposto de 36.818,61 euros; o proxecto de “reparación do camiño de Agro do Muíño (Ortoño) e outros” que ten un orzamento de 40.801,15 euros; e o proxecto de “reparación interior en Insua (Agrón) e outros”, que dispón de 32.222,72 euros.

Regulamento do mercado de venda ambulante
Outro dos temas que terá que abordar a corporación municipal neste pleno extraordinario é a modificación do regulamento de funcionamento do mercado de venda ambulante do Concello de Ames, xa que o goberno municipal pretende cambiar o emprazamento, a hora e os días do mercado do Milladoiro. O pasado 30 de abril o goberno municipal reuniuse coas asociacións de comerciantes e profesionais de Ames para coñecer a súa opinión sobre este asunto. Despois desta xuntanza propónselle ao Pleno que o mercado de rúa do Milladoiro pase a celebrarse no aparcadoiro que está situado na Rúa Agro do Medio, enfronte a Rúa Cruxa, o segundo e cuarto venres de cada mes, en horario de 10:00 a 15:00 horas.