[21-11-2016] Esta mañá o goberno municipal quixo sumarse a campaña Ames en Negro, en contra da violencia de xénero, convidando aos concelleiros e concelleiras da corporación municipal, así como aos traballadores municipais e á veciñanza amesá, a vestir a camiseta desta iniciativa para amosar a súa repulsa a esta lacra social. Dita campaña, que conta con máis de 100 axentes sociais implicados, desenvolverase ata o vindeiro luns 28 de novembro. Ademais, o Concello ten programados varios actos para este venres, 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres.
A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, explicou que “a campaña de Ames en Negro xa comezou o pasado venres con máis de 100 axentes sociais implicados, pero quixemos facela visible tamén na Casa do Concello e por iso convidamos a todos os concelleiros/as da corporación municipal, aos traballadores do Concello e á veciñanza a que vestisen a súa camiseta para apoiar esta iniciativa en prol da igualdade e do rexeitamento das violencias machistas”.
A campaña En negro contra a violencia, na que se enmarca Ames en Negro, comezou o venres pasado e estenderase ata o vindeiro luns 28 de novembro. Na páxina web www.ennegrocontraaviolencia.gal pódese atopar máis información sobre as accións que se levarán a cabo durante estes dez días, tanto a nivel conxunto como as de cada un dos municipios participantes. Esta iniciativa enmárcase nun convenio asinado entre vinte concellos galegos que queren poñer a violencia de xénero na axenda mediática con contundencia, na véspera do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, celebrado o 25 de novembro.
En Ames repartíronse 700 camisetas, 400 das cales foron producidas polo propio Concello, entre establecementos, ANPAS, clubs deportivos e outras entidades. Os lemas Ames en Negro e Contra a violencia decoran estas prendas que o Concello convida a levar para crear conciencia acerca da lacra social que é a violencia contra as mulleres. Na páxina web un mapa indica, con puntos negros, todos os establecementos, asociacións, clubs ou Concellos participantes.
25 de novembro
Por outra banda, para este venres, 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres, a Concellaría der Servizos Sociais e Igualdade ten programados unha serie de actos. En primeiro lugar, o alumnado dos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro asistirá a unha serie de charlas, que se enmarcan dentro da sexta edición das xornadas sobre igualdade e prevención da violencia de xénero, que organiza o Concello de Ames.
Ademais, no IES de Ames, en Bertamiráns, o alumnado deste centro de ensino plantará dúas árbores no paseo Carmen Amado, e no Milladoiro crerase o camiño da Igualdade, que será o que discorre entre a Casa da Cultura e o instituto desta localidade. Deste xeito, colocarase neste lugar unha placa acreditando esta circunstancia. Ademais, en ambos institutos o alumnado dará lectura a un manifesto ou declaración institucional do Concello de Ames en contra da violencia de xénero.
Luísa Feijóo indica que “as actividades do 25 de novembro céntranse nos alumnos e alumnas dos institutos porque deben ser os primeiros en tomar conciencia desta problemática co obxectivo de identificar esas condutas machista para previlas. Por iso se revitaliza o paseo Carmen Amado e se crea o camiño da igualdade, para que o alumnado cada día ao camiñar por eles se lembre do que representan”.





