Pestanas principais

As cores centrarán a temática dos contacontos que realizará a Biblioteca municipal de Ames durante o mes de abril

Martes, 09 de abril de 2013

[09-04-2013] "Arco da vella, á tarde non vén en balde...", baixo este lema a Biblioteca municipal organizou novas sesións de contacontos para este mes de abril. Estas actividades, que están dirixidas aos rapaces e rapazas de 3 a 8 anos, terán o seu escenario nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Aguapesada e Bugallido. Os contos non se centrarán nunha única temática senón que durante cada mes abordarase un tema distinto, sempre relacionado con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal dos máis cativos. Durante o mes de abril a temática das sesións de contos xirará arredor das cores.

A través do traballo coas cores achegarase aos nenos e as nenas á expresión plástica, unha cuestión fundamental para o desenvolvemento e adquisición de novas capacidades entre os máis pequenos. Ademais, contribuirase ao fomento da súa creatividade, que ten unha gran importancia no seu proceso evolutivo, permitíndolle expresar e transmitir o seu propio mundo. Por último, cómpre destacar que traballando coas cores afondarase no desenvolvemento dos sentidos, así como na identificación das distintas sensacións que experimentan os nenos e nenas cando se relacionan co seu contorno máis próximo.

Estas actividades desenvolveranse nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Aguapesada e Bugallido. As sesións de contacontos comezan o mércores, 10 de abril, na biblioteca municipal do Milladoiro, e continúan o xoves 11 na biblioteca de Bertamiráns. O luns 22 de abril tócalle a quenda ao local social de Augapesada, mentres que o martes 23 celebraranse no local de Bugallido. O mércores 24 tócalle a quenda aos usuarios da biblioteca de Bertamiráns, mentres que o xoves 25 gozarán dos contos os nenos e nenas que se acheguen á biblioteca municipal do Milladoiro.

Os contos que se lerán nas sesións de contacontos de abril serán Pequeno azul e pequeno amarelo; Lola con alas, Arco da lúa, Siete ratones ciegos, Elmer; e El pu. Todas as sesión de contacontos realizaranse ás 18:00 horas.

Temática xeral: números, cores, alimentos e letras
A programación de contos que se está desenvolvendo durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio ten unha temática xeral relacionada cun dos obxectivos que o Ministerio de Educación marca para a etapa da educación infantil: observar e explorar o seu entorno familiar, natural e social. Deste xeito, as bibliotecas municipais colaboran cos demais axentes educativos (escola e familia) na consecución dese obxectivo. Para iso cada mes estanse tratando temas relacionados cos primeiros conceptos que se lle presentan aos nenos e nenas para o recoñecemento do seu contorno máis próximo. Así, a bibliografía que se utiliza nos contacontos ten que ver cos números, coas cores, os alimentos e as letras.

Os contacontos, como todas as demais actividades que organiza a Biblioteca municipal teñen uns obxectivos claros: fomentar o hábito da lectura, especialmente entre os máis novos, e converter a biblioteca nun referente de encontro nun lugar axeitado para satisfacer as necesidades e inquietudes sociais, culturais, informativas e lúdicas da poboación amiense.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "As cores centrarán a temática dos contacontos que realizará a Biblioteca municipal de Ames en abril"