Pestanas principais

Corenta persoas gozaron do paintball en Bertamiráns

Martes, 22 de febreiro de 2011

[22-02-2011] A xornada de deporte-aventura do sábado reuniu en Bertamiráns a corenta mozos e mozas amienses que puideron participar dunha tarde de paintball. As persoas asistentes gozaron deste deporte baixo a supervisión de dous árbitros e un monitor. O tempo acompañou e a choiva non impediu que pasasen unha tarde animada e diferente. Esta actividade estivo organizada pola Concellaría de Mocidades, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX).

Corenta persoas puideron participar este sábado pasado dunha xornada de deporte aventura que lles ofreceu un ocio alternativo ao habitual. A Oficina Municipal de Información Xuvenil do Concello de Ames organizou unha partida de paintball ao longo da tarde na que mozos e mozas maiores de 14 anos, ademais de varias persoas de diversas idades, practicaron este divertido deporte no que dous equipos se enfrontan empregando marcadoras de gas que disparan bolas de pintura.

A xornada desenvolveuse nunha finca de Bertamiráns acondicionada para este deporte. No lugar atopábanse varios obstáculos artificiais empregados habitualmente no paintball, e mesmo contaba cunha pequena zona de monte na que desenvolver tamén a actividade. As persoas participantes contaron coa axuda dun monitor e de dous árbitros que velaron en todo momento polo cumprimento das normas do xogo, sen que se rexistrasen incidencias.

O paintball é un deporte en equipo, un xogo especialmente indicado para persoas amantes da natureza e dos espazos libres. Trátase dun xogo colectivo onde teñen moita importancia a capacidade de deseñar estratexias e a forma física dos xogadores. Xogar en equipo esixe aspectos básicos de entendemento, comunicación e compañeirismo entre os membros. No paintball dous equipos compiten pola vitoria eliminando un ao outro por medio dunha marcadora de gas que dispara bolas de silicona biodegradábeis coas que alcanzar os opoñentes deixándoos fóra da partida.

A OMIX continúa a organizar actividades de deporte de aventura que ofrecen unha forma alternativa de ocio á mocidade amiense. Estas actividades teñen unha periodicidade trimestral. A falta de confirmación definitiva, o máis seguro é que no segundo trimestre deste 2011 se desenvolva unha xornada de rafting. Ao longo do ano pasado a OMIX organizou unha xornada de hydrospeed, unha partida de paintball, unha ruta en caiac e outra a cabalo.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Guerra con bolas de pintura para los vecinos más jóvenes de Ames"
El Correo Gallego: "Guerra con bolas de pintura para los vecinos más jóvenes de Ames"
El Correo Gallego: "Guerra con bolas de pintura para los vecinos más jóvenes de Ames"
La Voz de Galicia: "Patio de vecinos"
La Voz de Galicia: "Patio de vecinos"
La Voz de Galicia: "Patio de vecinos"