Pestanas principais

As corais de Ames dan a benvida ao 2016 cun concerto de Ano Novo

Mércores, 30 de decembro de 2015

[30-12-2015] O 2016 entra en Ames con música. As voces de tres corais distintas comparten escenario na Casa da Cultura de Bertamiráns este sábado, 2 de xaneiro, a partir das 20:00 horas no concerto de Ano Novo. Os participantes son o coro parroquial de Piñeiro e Ames, xa afeitos a compartir espazos musicais, a coral Lojo Batalla de Tapia e a coral Antonio Santomil de Bugallido. Tres agrupacións amesás que mesturarán música popular e música relixiosa para dar a benvida ao ano entrante.

O coro parroquial de Piñeiro e Ames xa leva anos participando na programación amesá de Nadal. A agrupación reúne a persoas de distintas idades unidas pola música como paixón común. Os seus membros interpretarán catro cancións tradicionais, tanto desta banda do Atlántico como da outro e unha delas provinte do continente africano.

A coral Lojo Batalla de Tapia fundouse para acompañar os actos litúrxicos relixiosos da súa parroquia, colaborando nas misas doutros municipios e participando na emitida pola RTVG cada domingo. A música popular foi incorporada tamén ao seu repertorio, e é a que ten máis presenza nos concertos de Nadal amesáns aos que asisten. Dezasete persoas compoñen esta formación dirixida por Felisa Regueira Vázquez.

A coral polifónica de Bugallido ten un longo percorrido musical, sendo fundada en 1971 e reactivada en 1991 tras unha década de parada. Entre as súas actuacións destaca a que acompañou o acto de apertura da Porta Santa en 1976, ano Xacobeo. No ano 2004 participou con outras oito corais na gravación do albume "Corais do Camiño". Este ano a coral chegou a sumar trinta e dúas voces, dirixidas por Xosé Ramón Santomil.