Pestanas principais

A copa do mundo de fútbol estará en Ames os días 7 e 8 de decembro

Domingo, 04 de decembro de 2011

[04-12-2011] O Concello de Ames vén de recibir a comunicación de que o trofeo da Copa do Mundo, que a Selección Española de Fútbol conquistou o ano pasado en Suráfrica, vai recalar no municipio a próxima semana: concretamente, o mércores 7 estará na praza do Concello en Bertamiráns, e o xoves 8 de decembro na Casa da Cultura do Milladoiro. En ambas as dúas localidades o trofeo exporase en horario de mañá, dende as 11:00 h ata as 14:00 horas, e de tarde, dende as 16:00 h a 19:00 horas. A exhibición da copa do mundo de fútbol, conquistada o ano pasado por España, enmárcase dentro das actividades deportivas que organiza o Concello de Ames de cara a vindeira semana e que rematarán coa Gala do Deporte que terá lugar o vindeiro 9 de decembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns.

A copa do mundo de fútbol chega a Ames a vindeira semana. Despois de estar de xira por varios concellos galegos agora tócalle a quenda ao Concello de Ames. Deste xeito, o mércores 7, a copa do mundo estará na praza do Concello, en Bertamiráns, mentres que o xoves 8 de decembro, exporase na Casa da Cultura do Milladoiro. En ambas as dúas localidades o trofeo exporase en horario de mañá, dende as 11:00 h ata as 14:00 horas, e de tarde, dende as 16:00 h a 19:00 horas. Todas as persoas que o desexen poderán fotografarse coa copa do mundo de fútbol.

A exhibición da copa do mundo de fútbol, conquistada o ano pasado por España, enmárcase dentro das actividades deportivas que organiza o Concello de Ames para a próxima semana e que rematarán coa Gala do Deporte que terá lugar o vindeiro 9 de decembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Nesta gala premíanse os mellores deportistas e clubs deportivos que destacaron ao longo deste ano.

Premiados VI Gala do Deporte

Este ano o premio ao mellor deportista masculino recae en Juan Pablo Fernández Rodrígues que practica atletismo. Juan Pablo é atleta profesional, corredor de 800 e 1500 metros, e conta con importantes campionatos. Entre outros foi subcampión Sudamericano de Milla en Ruta no 2005, finalista en 1500 metros nos Campionatos de Brasil Absolutos no 2007, Campión Galego de 1500 metros absoluto no 2008. Ademais participou en seleccións galegas de cross e pista entre os anos 2004 e 2008.

O galardón de mellor deportista feminina é para Marta Silva Zamora que practica golf. A pesar da súa curta idade Marta Silva xa se converteu nunha referencia dentro mundo do golf español. Entre outros títulos, esta rapaza gañou o título de campioa de España absoluta e xúnior no ano 2010. Ademais, este ano proclamouse subcampioa de Europa por equipos coa selección nacional e foi nomeada xogadora Universitaria do ano en Estados Unidos, lugar onde cursa os seus estudios.

Os premios de mellor promesa masculina recaeu en Rodrigo Iglesias Mosquera, xogador do equipo xuvenil de División de Honra do Real Club Deportivo da Coruña, mentres que o premio a mellor promesa feminina é para Lola Lizuain Puertas, xogadora Club Voleibol Bruxas. Lola Lizuain proclamouse campioa de España por autonomías coa selección galega de voleibol.

Este ano o premio de recoñecemento especial recae no recentemente falecido José Víctor Ónega Carrera, profesor de Educación Física no IES de Ames desde o 1996. Ónega Carrera foi un docente moi preocupado por temas relacionados coa docencia do deporte, como queda constancia en libros publicados como Habilidades básicas na secundaria obrigatoria (1992) ou artigos como "Integración do alumnado con necesidades educativas especiais" (1999) na Revista Galega do ensino.

José Víctor Ónega foi o iniciador da práctica do voleibol no instituto de Ames no que estivo de docente. Pouco a pouco foi gañando importancia, ata formarse o club de voleibol Bruxas.

O galardón de mellor club é para o Club voleibol Bruxas polo seu traballo e fomento do voleibol dentro do Concello de Ames. Mentres que o recoñecemento aos medios de comunicación é para o Grupo El Correo Gallego, pola difusión que fai nos seus programas deportivas do deporte amiense, tanto nos xornais El Correo Gallego e Tierras de Santiago coma en Radio Obradoiro e Correo TV.



Contido relacionado


"La copa del mundo estará dos días en Ames"