Pestanas principais

A copa do mundo de fútbol chegou a Ames

Mércores, 07 de decembro de 2011

[07-12-2011] O trofeo da Copa do Mundo chegou a Ames esta mesma mañá. Hoxe estará na praza do Concello en Bertamiráns, e mañá na Casa da Cultura do Milladoiro. En ambas as dúas localidades o trofeo exponse en horario de mañá, dende as 11:00 horas ata as 14:00 horas, e de tarde, dende as 16:00 horas a 19:00 horas. A exhibición da copa do mundo de fútbol, conquistada o ano pasado por España, enmárcase dentro das actividades deportivas que organiza o Concello de Ames de cara a esta semana e que rematarán coa Gala do Deporte que terá lugar o próximo venres 9 de decembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns.

A Copa do Mundo chegou a Ames despois de estar de xira por varios concellos galegos. Todas as persoas que o desexen poden fotografarse coa copa do mundo de fútbol. Esta mañá foron moitos os rapaces de distintos centros escolares de Ames os que se achegaron para tocar e ver de preto este trofeo. O alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro, a concelleira de Medioambiente, Eugenia Martín, e o concelleiro de Promoción económica, Bernardo Moar entre outros membros do goberno, achegáronse tamén a ver a Copa.

A exhibición da copa do mundo de fútbol, conquistada o ano pasado por España, enmárcase dentro das actividades deportivas que organiza o Concello de Ames para esta semana e que rematarán coa Gala do Deporte que terá lugar este venres, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Nesta gala premíanse os mellores deportistas e clubs deportivos que destacaron ao longo deste ano.