Pestanas principais

Convócase a Xunta Local de Seguridade para avaliar o resultado das medidas extraordinarias adoptadas en materia de seguridade e vixilancia

Martes, 22 de febreiro de 2011

[22-02-2011] O alcalde de Ames, Carlos Fernández, vén de convocar a Xunta Local de Seguridade para facer un seguimento e unha avaliación das medidas extraordinarias postas en marcha durante os últimos meses pola Policía local e a Garda Civil do Milladoiro co fin de evitar que se produzan actos vandálicos e roubos no temo municipal de Ames. Segundo figura no arquivo da Policía local no que levamos de ano rexistráronse un total de 4 roubos en vivendas do rural amiense e 8 incidencias en varios establecementos comerciais de Bertamiráns e do Milladoiro. A maioría deste delitos xa están resoltos e os presuntos autores pasaron a disposición xudicial. Aínda que as medidas preventivas postas en marcha están dando resultado, vaise incrementar aínda máis o nivel de vixilancia sobre todos aqueles establecementos e lugares que poden ser obxecto dun posible roubo para evitar que haxa un incremento no número de delitos.

No pasado mes de xuño de 2010 o alcalde de Ames, Carlos Fernández, convocou unha Xunta Local de Seguridade para poñer en marcha un operativo extraordinario co fin de que a Policía local e a Garda Civil do Milladoiro reforzasen o nivel de seguridade e vixilancia no termo municipal de Ames. Agora o rexedor municipal acaba de convocar unha nova Xunta de Seguridade Local co obxectivo de facer un seguimento periódico das medidas extraordinarias postas en marcha durante os últimos meses polos corpos de seguridade que operan en Ames e que están achegando cotas de seguridade moi aceptables.

Deste xeito, esta semana os diferentes axentes que forman parte da Xunta Local de Seguridade (Subdelegación do Goberno, Garda Civil e Policía local) daranse cita no salón de plenos da Casa do Concello baixo a presidencia do alcalde, para avaliar o resultado das medidas extraordinarias adoptadas en materia de seguridade e vixilancia, así como os controis específicos que se realizan nas estradas de maior circulación e nos principais núcleos urbanos de poboación.

No marco de colaboración que establece o proxecto para prestar os servizos de Emerxencias, Protección Civil e Policía local nos concellos de Ames e Brión, presentado este pasado sábado, estase barallando a opción de realizar unha Xunta Local de Seguridade en Ames e outra en Brión de xeito simultaneo ou facela de xeito conxunto. Este órgano encargarase de coordinar, supervisar e planificar as actuacións do conxunto de servizos formados pos Emerxencias, Protección Civil e Policía local, que se prestarán nos concellos de Ames e Brión.

Nas últimas semanas estase creando unha situación de alarma social entre a veciñanza da comarca debido a estes incidentes. Iso provoca que dende a Administración local estean atentos e precavidos de cara a que eses mesmos sucesos non se produzan en Ames. Cómpre salientar que en Ames, a pesar de que se produciron diferentes delitos no que levamos de ano, estes datos non representan unha gran alarma xa que están funcionando as medidas preventivas postas en marcha durante os últimos meses.

A Policía local incrementou a vixilancia en todos aqueles lugares que son máis propensos a ser obxecto de posibles roubos. Deste xeito adoptáronse medidas preventivas, por parte dos corpos de seguridade, para evitar actos vandálicos. Incrementáronse os controis específicos na estradas de maior circulación e nos principais núcleos de poboación, así como nas principais urbanizacións dos concellos. Ademais os corpos de seguridade están empregando vehículos camuflados e os axentes patrullan as rúas sen o uniforme regulamentario co fin de detectar movementos sospeitosos.

O alcalde de Ames, Carlos Fernández, insiste en que se continúa na mesma liña de traballo, pero de xeito máis intenso para tratar de que non se produzan estes incidentes no termo municipal amiense.

Índice de delitos

No que vai de ano a Policía local ten rexistrado de xeito oficial 4 roubos na zona rural e 8 incidencias en diferentes establecementos dos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro, onde residen máis de 20.000 habitantes. Se temos en conta que en Ames hai arredor de 4.000 vivendas no rural prodúcese un delito deste tipo nunha de cada 1.000 vivendas. A maioría deste delitos xa están resoltos e os presuntos autores pasaron a disposición xudicial.

Aínda que o índice de delitos producidos no rural amiense é baixo o alcalde de Ames, Carlos Fernández, incide en que "non estaremos completamente satisfeitos ata que este índice sexa de cero, pero é certo que non é un índice alarmante en conxunto".

Dende a Policía local resaltan que estas medidas preventivas, postas en marcha por parte dos corpos de seguridade, para evitar actos vandálicos xa están dando resultado aínda que non se pode baixar a garda en ningún momento. A pesar diso a Policía local e a Garda Civil seguirán na mesma liña de actuación que está desenvolvendo ata este momento, pero elevando o nivel de traballo para estar alerta ante calquera situación anormal ou sospeitosa que se detecte. Para iso pídenlle a máxima colaboración posible á veciñanza amiense para que avisen de calquera movemento sospeitoso ou por se ven preto das súas casa a persoas descoñecidas.

O rexedor municipal destaca que "sabemos o número de delitos cometidos e lamentamos que se teñan producido pero nunca saberemos con exactitude cal é o número de delitos que se teñen evitado grazas á actuación dos nosos axentes e doutros das forzas de seguridade do Estado. Estou seguro que foron moitos os delitos evitados grazas as medidas preventivas que puxemos en marcha. Temos que seguir así e para iso voulle pedir á Policía local e a Garda Civil do Milladoiro que extremen a vixilancia nas rutas e vías que soen empregar os amigos do alleo".

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Junta de seguridad pese al "bajo" índice de delitos en Ames"
La Voz de Galicia: "Ames sufrió en lo que va de año doce incidentes de seguridad ciudadana"