Pestanas principais

Convócase a décimo cuarta edición do Certame Literario Concello de Ames dotada con preto de 3.000 euros en premios

Sábado, 18 de febreiro de 2017

[18-02-2017] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Normalización Lingüística e Comunicación, vén de presentar a súa décimo cuarta edición do Certame Literario de narrativa e poesía que se convoca de forma anual. Poderá concorrer a este certame calquera persoa que presente textos inéditos escritos en lingua galega. O tema é libre. Os textos poderán enviarse ata o día 3 de abril de 2017 (incluído). En cada modalidade do certame (narrativa e poesía) establécense tres categorías e, en cada categoría, tres premios. Repartiranse preto de 3.000 euros. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases do certame literario e a ficha de participación.

O Certame Literario Concello de Ames xa se converteu nun concurso de referencia dentro do mundo da poesía e narrativa de Galicia. Unha boa mostra diso é que nas trece edicións anteriores recibíronse máis de 1.500 traballos. Dirixido a todos os e as amantes da literatura, sexa cal sexa a súa procedencia, este concurso é un referente para os novos creadores e creadoras, e supón unha boa oportunidade para todas aquelas persoas que desexen poñer en práctica a súa capacidade creativa. A través desta iniciativa preténdese impulsar a creación literaria na nosa lingua e difundir a cultura propia, como un xeito de contribuír tamén á normalización lingüística e cultural.

O certame ten dúas modalidades (narrativa e poesía), e en cada modalidade tres categorías, de xeito que poden participar persoas de calquera idade. Os nenos e nenas que teñan ata 13 anos poderán participar na primeira categoría, mentres que a segunda está dirixida a rapaces e rapazas de 14 a 17 anos e a terceira ás persoas de 18 anos ou máis. Haberá tres premios en metálico por cada unha destas franxas de idade en ambas as modalidades, que serán de 150 euros, 120 euros e 90 euros na primeira categoría;180 euros, 150 euros e 120 euros na segunda; e 260 euros, 210 euros e 180 euros na terceira.

O Concello de Ames designará un xurado integrado por persoas de recoñecido prestixio no ámbito cultural e a súa decisión anunciarase publicamente o 10 de maio de 2017. Os premios entregaranse o 16 de maio nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro. Ademais destes premios en metálico, os gañadores e gañadoras verán publicados os seus textos nun libro colectivo que recompila os traballos premiados en cada edición.

A concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, explica que "o certame difundirase por toda Galicia, enviaranse as bases a todos os concellos, á Rede de bibliotecas de Galicia e aos os centros de ensino da comarca. Ademais, vaise facer unha importante difusión a través da rede. O obxectivo do goberno municipal é potenciar este certame literario xa que é un dos principais eventos culturais que se organiza dende o Concello".

Presentación dos traballos ata o 3 de abril
Todas as persoas que desexen participar no certame poderán enviar os traballos ata o día 3 de abril de 2017 (incluído). Haberá que remitir 4 exemplares do texto, en folios mecanografados por unha soa cara, a dobre espazo e tamaño de letra 12 ao seguinte enderezo: Concello de Ames (Servizo de Normalización Lingüística), Avenida de Azcárraga número 5, Bertamiráns, 15220 Ames, A Coruña. A extensión mínima será de 2 páxinas en narrativa e de 20 versos en poesía, mentres que a máxima será de 6 páxinas en narrativa e de 50 versos en poesía. Ademais, cómpre lembrar que o tema é libre e que só se poderá presentar un traballo por persoa en cada unha das modalidades.

Outro dos puntos importantes reflectidos nas bases do certame advirte que os textos presentaranse baixo pseudónimo. Para garantir o anonimato, nos textos non poden aparecer datos persoais nin sinaturas. Nos catro exemplares do texto terán que figurar a modalidade (narrativa ou poesía), a categoría (1ª, 2ª ou 3ª) e o pseudónimo do autor ou autora. Os datos persoais introduciranse nun sobre pechado. Terán que aparecer os seguintes: nome e apelidos, idade, copia do DNI, teléfono de contacto, enderezo postal e electrónico e declaración responsable de non estar incurso/a en supostos que impidan obter a condición de beneficiario/a e de atoparse ao corrente nas obrigas tributarias e coa seguridade social. A ficha de participación, que recolle todos estes datos, pode descargarse no banner do certame literario que está na cabeira da páxina web do Concello de Ames.

As persoas menores de idade deberán achegar os datos dunha persoa maior de idade que exerza como representante legal. O sobre cos datos persoais e as catro copias do texto introduciranse nun sobre máis grande. No remite deste sobre grande terá que marcarse claramente, de novo, a modalidade, a categoría e o pseudónimo do autor ou autora (nunca o nome real).

Publicación dos traballos premiados
O Concello de Ames, en colaboración con Feiraco, empresa colaboradora do certame, publicará os traballos premiados nunha antoloxía creada para tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autoría e compensando aos/as autores/as con cinco exemplares do volume que se edite. As persoas gañadoras do certame deberán entregar posteriormente os textos en formato dixital, e, se publican pola súa conta algún dos textos gañadores, deberán facer referencia ao premio obtido neste certame. Os trece libros de recompilacións publicados ata o de agora, recollen un total de de 234 traballos que foron premiados neste concurso (cada antoloxía publicada contén os 18 traballos premiados de cada edición).

Isabel Vaquero finaliza destacando que "nos catorce anos de traxectoria desta convocatoria foise asentando tamén a súa función de plataforma de lanzamento de novos escritores e escritores, e moitas das persoas que hoxe destacan no ámbito literario foron premiados algunha vez neste certame. Nomes que apareceron nas listaxes de premiados de Ames hoxe ocupan postos relevantes nos andeis das librerías do país".

Para máis información poden chamar ao número de teléfono 662 377 215 ou enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal correspondente ao Servizo de Normalización lingüística (SNL) do Concello de Ames.