[11-11-2011] O alcalde de Ames, Santiago Amor, convocou a Comisión Especial de Contas para o vindeiro día 18 de novembro ás 13.00 horas. O rexedor aplicou a vía de urxencia á tramitación do expediente da Conta Xeral do Exercicio 2010, de xeito que o período previo requirido para a primeira comisión puido reducirse de 17 días hábiles que normalmente se requiren a 8 días hábiles. Este ano, e tras varios exercicios nos que a contabilidade municipal sufriu un severo atraso, o Concello está en disposición de retomar a senda do cumprimento nos prazos de rendición da Conta Xeral. Aínda que non será posible cumprir co prazo do quince outubro para a remisión da conta, si será posible que o envío se realice dentro do exercio 2011. O Consello de Contas establece unha tripla distinción no tocante ao cumprimento do deber de rendición por parte das entidades locais: o das entidades que cumpriron co prazo legal do 15 de outubro, o das que remitiron a Conta dentro do exercicio correspondente, e o das que o fixeron nun ano diferente. A inclusión neste útimo grupo é o que o Concello considera realmente grave, e é precisamente o que se evitará por primeira vez dende o ano 2003.
A rendición da Conta dentro do ano correspondente garante que o Concello de Ames poida recibir suvbencións da Xunta de Galicia o vindeiro ano, xa que o recente Decreto 193/2011 do 6 de outubro, establece no seu artigo 4.1 que será requisito indispensable para a concesión de subvencións que as entidades locais cumpriran co deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio.
Os prazos
O día 18, a Comisión examina e ditamina a conta xeral para que a continuación se envíe ao Boletín Oficial da Provincia (BOP) por urxencia, vía internet, e a continuación quede 23 días hábiles o informe en exposición pública. De haber reclamacións sería precisa outra reunión da Comisión, se non as hai o paso posterior, e o último antes do envío ao Consello de Contas, será someter a conta a votación en pleno.
Análise da conta
A liquidación desta conta amosa un remanente de tesoureiría negativo de -916.310,68 euros e un resultado orzamentario de -198.291,88. Cun remanente de Tesoureiría negativo, a administración local terá que levar a cabo obrigatoriamente a reducción de gastos do novo orzamento por cuantía igual ao déficit producido; e, se esta medida non fose posible, poderase acudir ao concerto dunha operación de crédito polo importe do remanente. De non adoptarse ningunha das medidas anteriores, o orzamento do exercicio seguinte terá que aprobarse cun superávit inicial de contía igual ou superior neste caso aos preto de un millón de euros. Segundo reflicten os informes dos servizos económicos é a primeira vez que o resultado orzamentario presenta déficit. A súa evolución dende o ano 2008 tamén é negativa, presentando nos exercicios 2008 e 2009 resultados positivos e no 2010 un déficit de -198.291,88 euros.
Polo tanto, a liquidación do ano 2010 indica que a situación do Concello de Ames é "realmente grave", segundo explica o alcalde, Santiago Amor, quen explica que as arcas municipais presentan agora mesmo "unha clara insuficiencia económica que require dun Plan de Saneamento Financeior que permita recuperar nun prazo de tres anos a senda de equilibrio que perdeu co anterior goberno socialista".
O informe dos servizos económicos municipais reflicte problemas estucturais que amosa o orzamento corrente deficitario, uns problemas que foron insitentemente advertidos ao longo destes anos, sen seren escoitados. Ante esta situación o alcalde de Ames, Santiago Amor, asegura que os próximos presupostos do Concello terán que ir acompañados dun plan de equilibrio financieiro que contemple un calendario de pagamentos para os proveedores. Santiago Amor explica tamén que de cara aos próximos presupostos se regularizará o rendemento da conta por parte do Concello e que ademais se contemplarán as liñas mestras dun plan de saneamento e equilibrio económico que permita a medio prazo mellorar a situación económica.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Amor ve necesario un plan de saneamento financieiro para Ames"
La Voz de Galicia: "Ames cerró el 2010 con un déficit de caja que aumentó a 916.000 euros"
El Correo Gallego: "Convócase a Comisión especial de contas que examinará e ditaminará a conta xeral do 2010 de Ames"




