[13-04-2011] A Aula da Natureza continúa o seu labor para ensinarlle aos nenos e nenas amienses máis sobre a química e os bosques, sendo este ano declarado pola ONU como Ano Internacional de ambos. Os centros educativos do concello recibiron unha serie de propostas de actividades que buscan concienciar os nenos e nenas de Ames arredor dos problemas que afronta o medio ambiente. Deste xeito os pasados días 5 e 7 deste mes 100 alumnos e alumnas do CEIP Agro do Muíño puideron achegarse a coñecer a Aula da Natureza dentro do obradoiro "Pequenos científicos", iniciativa que continuo hoxe coa visita de 50 rapaces e rapazas de 5º de primaria do CEIP Agro do Muíño. Estas visitas continúan este mércores e xoves cos cativos da Escola Infantil do Milladoiro.
O Concello de Ames súmase aos esforzos de sensibilización sobre os problemas da natureza que promove a declaración por parte da ONU deste 2011 como Ano Internacional da Química e Ano Internacional dos Bosques. Por iso, a través da Aula da Natureza estanse levando a cabo unha serie de actividades cos centros educativos amienses para tentar concienciar os nenos e nenas do concello arredor dos problemas do medio ambiente e familiarizalos co mundo da química e dos bosques.
Unha destas iniciativas é o obradoiro "Pequenos científicos", unha actividade que achegou a rapaces e rapazas de primaria do CEIP Agro do Muíño ao fascinante mundo da química por medio de sinxelos experimentos. Os días 5 e 7 deste mes 100 alumnos/as deste centro visitaron a Aula da Natureza, podendo coñecer así a súa sede recentemente inaugurada. Hoxe púxose fin a esta serie de actividades coa visita de 50 alumnos de 5º de primaria divididos en dous grupos. En total foron 150 alumnos do devandito centro os que participaron no obradoiro "Pequenos científicos".
Na actividade os nenos repartíronse en diversos grupos, e cada un deles levou o nome dun elemento químico, como poden ser o osíxeno e o nitróxeno. A primeira actividade, de cara a familiarizalos co emprego da táboa periódica dos elementos, foi procurar nesta o elemento cuxo nome leva cada grupo. A continuación comezouse coa experimentación propiamente dita. Esta foi un exercicio sinxelo pero moi ilusiónante para os pequenos: escribir unha mensaxe nun papel con tinta invisible composta por zume de limón. O contido das mensaxes podía verse achegando as notas á calor e a luz dunha vela.
Ademais, analizouse a composición multicolor da tinta negra, outra actividade que adoita gustar moito aos cativos. Para observar as cores, introduciuse un anaco de papel de filtro cunha raia de tinta negra nun vaso cuxo fondo contiña alcol, e conforme este se foi disolvendo a tinta arrastrou cara arriba os diversos pigmentos de múltiples cores. Deste xeito faise sinxelo comprobar o análise da cromatoloxía, que é moi empregado en multitude de aspectos de laboratorio e análise médica.
Por último, os rapaces participantes diferenciaron o grao de acidez dunha substancia axudados polo caldo da lombarda (ao que se engadiron diferentes elementos, de máis acedo a máis básico: zume de vinagre e de limón, laranxa, xabón e lixivia). Deste xeito o caldo azul foi cambiando de cor de vermello a amarelo dependendo da acidez, pasando por azul e verde, e foise constatando o cambio de acidez.
Este mércores e xoves terán continuidade as visitas á Aula da Natureza cando se acheguen ata A Ameixenda un total de 150 alumnos de 4 e 5 anos da Escola de Educación Infantil do Milladoiro. Alí visitarán a exposición "O ecosistema fluvial". Esta actividade enmárcase dentro do programa "Coñece a túa Aula". A mostra foi cedida pola estación de hidrobioloxía Encoro do Con da Universidade de Santiago de Compostela. Nela, coa axuda da coordinadora da Aula da Natureza, os nenos coñecerán a variedade de fauna e flora que existe nos ríos, ademais dos problemas ambientais derivados da contaminación destes fráxiles ecosistemas e a técnica de estudo destes pola que se vai coñecendo e analizando a situación dos ríos.




