Pestanas principais

Continúan as sesións de contacontos nos locais socias das parroquias e nas bibliotecas municipais

Luns, 08 de maio de 2017

[08-05-2017] A Concellaría de Educación e Cultura preparou para este mes de maio unha completa programación de contacontos que se van a desenvolver nos locais sociais de Augapesada e Bugallido, así como nas bibliotecas do Milladoiro e de Bertamiráns. Ao longo desta semana haberá catro sesións de contos. As sesións de contacontos están dirixidas especialmente aos nenos/as de entre 3 e 9 anos. Estas actividades desenvolveranse a partir das 18:00 horas.

As actividades de Animación á lectura que organiza a Concellaría de Educación e Cultura amósalles aos rapaces e rapazas, mediante sesións de contacontos, a maxia que agochan os libros. Esta programación de contos vaise a desenvolver ata finais do mes de maio. Así, cada mes hai catro sesións de contos nas bibliotecas de Ames (dúas na biblioteca do Milladoiro e dúas en Bertamiráns), ao igual que nos locais sociais de Augapesada, onde hai contos dous luns ao mes, e no local social de Bugallido, onde esta programación realízase dous martes ao mes.

Os luns 8 e 22 de maio, ás 18:00 horas, os máis pequenos e pequenas teñen unha nova cita no local social de Augapesada, para escoitar novas historias baixo os títulos Ratos, ratiñas e as súas cousiñas e Contos da lareira. Por outra banda, os martes 9 e 23 de maio tamén haberá contacontos no local sociocultural de Bugallido, onde O vixilante dos sonos e A nena do saco van ser os temas destas sesións que están dirixidas a nenos/as de 3 a 9 anos.

A programación de contacontos continúa o mércores 10 e o xoves 11 nas Biblioteca municipais do Milladoiro e de Bertamiráns, respectivamente, onde se van a desenvolver novas sesións de contos baixo o título Un outro mundo por descubrir: As viaxes de Irene. Os contos volverán a biblioteca do Milladoiro e de Bertamiráns o martes 23 e o mércores 24 de maio. Neste caso baixo o título Flipa cos contos.

Durante este curso os contos non se centran nunha única temática, senón que durante cada mes abordaranse temas distintos, sempre relacionados con aspectos de interese e de actualidade na formación emotiva, artística e formal dos máis cativos. Así os máis pequenos e pequenas de Ames, ademais de fomentar o gusto pola lectura e favorecer o desenvolvemento da linguaxe, poderán promover a educación igualitaria e en valores, ao igual fortalecer o desenvolvemento cognitivo, e gozar xunto coas súas familias dun tempo de lecer.