[18-05-2015] As bibliotecas municipais de Ames continúan ofrecendo actividades de animación á lectura durante o mes de maio. As sesións, como é habitual, desenvolveranse dende as 18:00 horas nas bibliotecas do Milladoiro e de Bertamiráns e nos locais sociais de Augapesada e de Bugallido cada quince días. A entrada aos contacontos é libre e gratuíta e a actividade está recomendada para nenos e nenas de 3 a 8 anos de idade. A temática elixida este mes son as estrelas. Os rapaces poderán achegarse a títulos como a Estela, Garoto busca unha estrela, Las estrellas, La pequeña Martina y las estrellas, Y la luna sonrió ou La estrella de Laura.
Hoxe a cita desenvolverase no Local Social de Augapesada. Mañá martes, día 19, a actividade será no local social de Bugallido. O mércores 20 e o xoves 21 será nas bibliotecas do Milladoiro e de Bertamiráns, respectivamente.
O obxectivo desta actividade é fomentar o hábito da lectura, especialmente entre os máis novos, e converter a biblioteca nun referente de encontro nun lugar axeitado para satisfacer as necesidades e inquietudes sociais, culturais, informativas e lúdicas da poboación amesán.




