Pestanas principais

Continúan os “Seráns de Ames” este xoves en Ortoño co espectáculo musical “Lembra Xabarín”

Luns, 07 de xullo de 2025

Este xoves, 10 de xullo, a partir das 20.00 horas, o campo da festa de Ortoño acollerá o espectáculo “Lembra Xabarín”, unha proposta musical incluída no programa “Seráns de Ames”, unha iniciativa que se desenvolve durante seis xoves dos meses de xullo e agosto e que traerá ao rural amesán diferentes actividades culturais. Pódese consultar na seguinte ligazón a programación completa dos Seráns de Ames 2025. 

O campo da festa de Ortoño acollerá este xoves, 10 de xullo, a partir das 20.00 horas, a segunda xornada dos “Seráns de Ames”. O programa comezou o pasado día 3 na praia fluvial de Tapia. A encargada de realizar o pregón inaugural desta edición foi Inés Suárez, integrante do grupo As Maianas. Ademais, nesta xornada tamén tivo lugar o espectáculo de circo “Ghop!” de Teatro ao Cubo, unha proposta dirixida a público familiar e infantil. 

A iniciativa, que orixinalmente naceu no 2021 como os Seráns de Tapia ofrecendo só espectáculos na praia fluvial de Tapia, foi medrando e trasladándose a outras parroquias do rural, apostando por diversificar as propostas culturais de Ames a diferentes localizacións do concello.

Como preludio á XIX Festa do Chourizo ao Viño, a parroquia de Ortoño viaxará aos anos 80 e 90 coa actuación musical “Lembra Xabarín”. Nesta proposta artística que combina música, identidade e lingua, dirixida para todos os públicos, invita a rememorar a época do Xabarín Club para os adultos e descubrilo para os máis pequenos. 

Deste xeito, a través dos temas de Herdeiros da Crus, Aerolíneas Federales, Os Diplomáticos de Monte-Alto, Victor Coyote, Blood Filloas, La Marabunta ou Siniestro Total, farase unha viaxe temporal para lembrar e manter o legado e camiño que deixou O Xabarín a nivel musical e lingüístico. 

Programación dos “Seráns de Ames”
Deste xeito, a programación dos Seráns de Ames no mes de xullo pecharase o vindeiro día 17, tamén ás 20.00 horas, no campo da festa de Covas, unha das parroquias que se estrean neste programa. Nesta xornada haberá dúas propostas. Unha delas, será o concerto do grupo de mozos amesáns Teen, cun estilo musical máis instrumental, e a continuación, será a quenda de Ginko Biloba, un grupo formado no 2024 que combina sons máis actuais coma do indie ou electrónica, coa música tradicional. 

A programación do mes de agosto dará comezo o xoves 14, ás 20.00 horas, no campo da festa de Trasmonte, coa actuación de Pablo Balseiro & Los Cascarillas. Balseiro, músico e compositor dende os 14 anos, ten participado en numerosos proxectos e con bandas ao longo da súa traxectoria profesional, e acumula ás súas costas máis de 600 concertos ás súas costas. 

Así mesmo, a carballeira de Bugallido acollerá o día 21 de agosto, ás 20.00 horas, o espectáculo dirixido para todos os públicos do grupo formado polas ex-integrantes de Leilía, Montse Ribera e Mercedes Prieto, As Armadanzas “Do Courel ao Condado”. Nesta proposta, farase unha viaxe por todo o folclore galego, interpretando pezas de diferentes localidades galegas.

Como vén sendo habitual, a praia fluvial de Tapia tamén será o escenario escollido para pechar os Seráns de Ames. Nesta ocasión, a derradeira xornada do programa terá lugar o xoves 28 de agosto, a partir das 17.30 horas, con dúas actividades. A primeira delas, será Xogos miudiño, dirixida para as crianzas. Xa ás 19.30 horas, pecharanse os Seráns de Ames coa actuación musical de Mary Iglesias.

Novas relacionadas: 

AMSGO!: "“Seráns de Ames”: Este xoves, en Ortoño, espectáculo musical “Lembra Xabarín”"

Continúan os “Seráns de Ames” este xoves en Ortoño co espectáculo musical “Lembra Xabarín”

Multimedia

  • Continúan os “Seráns de Ames” este xoves en Ortoño co espectáculo musical “Lembra Xabarín”
  • Continúan os “Seráns de Ames” este xoves en Ortoño co espectáculo musical “Lembra Xabarín”