[25-11-2015] A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, xunto co interventor do Concello, José Antonio Rueda, mantiveron unha xuntanza co auditor do Consello de Contas de Galicia para dar un impulso a auditoría contable do exercicio 2013, que o Consello de Contas de Galicia está realizando no Concello de Ames e que se iniciou a finais de xullo de 2015.
O Consello de Contas de Galicia, en sesión plenaria do 22 de decembro de 2014, aprobou o seu Plan de Traballo para o ano 2015. Entre as actividades previstas na Área de Corporacións Locais figura a fiscalización da actividade económico-financeira do Concello de Ames correspondente ao exercicio 2013. A coordinación co Consello de Contas e o envío formal da documentación canalizarase a través do departamento de intervención.
Desde o Consello de Contas enviouse un escrito ao Concello no que se detalla unha relación de documentación que haberá que remitir e que debe ser enviada ao Consello. Segundo se indica no relatorio remitido ao Concello, a auditoría contable incluirá a revisión do orzamento, da liquidación e da conta xeral do exercicio 2013.
Tamén se fiscalizará o sistema contable, o control interno e a xestión orzamentaria. Así, analizaranse cuestión como modificacións orzamentarias, recoñecemento extraxudicial de créditos, xestión tributaria, transferencias recibidas (do Estado e do Fondo de Cooperación Local), subvencións outorgadas, cargos electos, persoal (funcionario e laboral), contratación e endebedamento financeiro.
O traballo de fiscalización completarase co estudo das magnitudes da liquidación do orzamento do exercicio 2013: resultado orzamentario, aforro neto, saldo non financeiro e remanente de tesouraría (fondos líquidos, dereitos pendentes de cobro e obrigas pendentes de pago). Solicítanse tamén datos de persoas de contacto responsables das áreas para establecer unha comunicación fluída cos distintos departamentos.
A concelleira de Economía e Facenda comunicoulle ao auditor que “onte xa se enviou dende intervención unha circular aos distintos departamentos para que se puxeran a traballar na busca e preparación da documentación requirida polo Consello de Contas para a súa remisión á maior brevidade” e volveu reiterar e amosar a “total colaboración do goberno municipal para que o Consello de Contas poida facer esta auditoría contable”.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "El gobierno amiense remite datos del 2013 al Consello de Contas"