Pestanas principais

Continúan no mes de febreiro os cursos telemáticos da Aula CeMIT

Martes, 02 de febreiro de 2021

A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello de Ames, programou novos cursos telemáticos para os vindeiros meses de febreiro e marzo dirixidos a un público adultos. Esta aula formativa, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, ten como obxectivo facilitar o acceso dos veciños e veciñas de Ames aos diferentes cursos que oferta, ademais de dispor dun horario de Aula Aberta para que os interesados e interesadas poidan pasar a rexistrarte nas actividades, solicitar axuda ou outra clase de información, e usar os ordenadores.

O primeiro curso do mes de febreiro que impartirá, telematicamente a Aula CeMIT , será o de deseño vectorial con Inkscape. Este impartirase, tamén de luns a xoves, do 8 ao 18 de febreiro, de 17.30 a 18.30 horas. Nel explicarase como funcionan as bases para facer toda clase de traballos de este tipo como carteis ou logotipos (isotipos, se nos poñemos técnicos).

Dende o 22 ata o 26 de febreiro, de 17.30 a 19.00 horas, impartirase o curso de procesador de textos con LibreOffice Writer I. Trátase dunhas clases de introdución ó manexo do procesador de textos libre, alternativa ideal a Microsoft Word. Aprenderase sobre a súa interface, formato de carácter, parágrafo, inserción e formatado de imaxes, formas,táboas... todo pensado para achegar a ofimática ó público xeral, pero tamén para os que desexen presentarse ó exame CODIX.

No mes de marzo tamén haberá cursos para adultos. O segundo nivel do obradoiro anterior, o de procesador de textos con LibreOffice Writer II, comezará dende o 1 ata o 5 de marzo, de 17.30 a 19.00. Trátase dun curso de nivel medio no que se afondará no uso do procesador de textos aprendendo a manexarnos con campos automáticos, cabeceira e rodapé, formato de páxina, FontWork, sinaturas dixitais...

Como anotarse e asistir virtualmente
Para poder inscribirse precísase un ordenador co software necesario (LibreOffice) e conectado á rede para poder seguir a retransmisión en directo dende YouTube. Estes cursos mesturan sesións explicativas con prácticas titorizadas para facilitar o aprendizaxe.

Para inscribirse nalgunha das actividades será preciso estar rexistrado de balde na rede CeMIT. Para máis información ou facer a reserva podes acceder á aula no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns ou poñerte en contacto a través do número teléfono: 682 373 753 ou do enderezo de correo electrónico: cemit.ames@xunta.gal
Unhas horas antes do comezo de cada curso recibiredes por correo electrónico a información necesaria para acceder a cada sesión.

Ao pé desta nova podes consultar todos os días e horarios de realización dos cursos, ademais das horas de Aula Aberta da aula CeMIT.

Horario de Aula Aberta
O horario de Aula Aberta é de luns a venres, de 9.30 a 13.30 horas. Para poder empregar os ordenadores durante a Aula Aberta hai que respectar as seguintes medidas de hixiene:

-Limpeza de mans antes de empregar calquera equipo.
-Uso obrigatorio de máscara hixiénica.
-Manter a distancia de seguridade de metro e medio.

Os 8 equipos dispoñibles están numerados e as súas distancias acotadas, polo que é moi importante respectar as medidas en todo momento. Entre cada uso o responsable da aula fará a desinfección correspondente para garantir a seguridade dos seguintes usuarios.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Alternativas al Word en los cursos del aula CeMIT sita en Bertamiráns"

Cartel febreiro portada.

Multimedia

  • Cartel febreiro portada.