Pestanas principais

Continúan as negociacións entre o goberno municipal e Ames Novo para a aprobación dos Orzamentos de 2018

Mércores, 14 de marzo de 2018

[14-03-2018] O pasado martes, 12 de marzo, pola tarde, o goberno municipal, representado pola concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero (Contigo Pódese), o concelleiro de Urbanismo, Obras e Servizos Básicos, Blas García (PSOE) e o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil (BNG) mantiveron unha nova reunión cos representantes de Ames Novo (Quique Costas, voceiro do grupo municipal e a concelleira Carme Calviño) no marco das reunións entre ambas partes na procura dun novo pacto orzamentario para 2018 que renove o que xa acadaran para os presupostos do exercicio de 2017.

Nesta reunión, por parte dos representantes de Ames Novo expuxéronse as modificacións ao borrador de orzamentos elaborado polo goberno local, que este grupo pretende incorporar, centradas nas áreas de medio ambiente, equipamentos no Milladoiro, servizos sociais, mocidade e servizos complementarios.

Cada unha das propostas, así como as súas posibilidades de seren contempladas nos orzamentos foron analizadas conxuntamente na procura de solucións que fagan posible o acordo. Nesta rolda negociadora acadouse unha concordancia entre as partes en algúns dos puntos así como avances significativos en outros que quedan pendentes de acabar de definir, mentres que persisten as diferencias de fondo respecto dalgunhas das propostas.

“Nesta altura do proceso aínda sería prematuro afirmar que imos acadar o acordo que se busca con estas reunións, pese aos avances que se deron respecto de algunhas das propostas” manifestou o voceiro de Ames Novo, Quique Costas. “O máis positivo é que tampouco chegamos a un punto que impida o progreso das negociacións e malogre o que nos leva a mantelas, que non é outra cousa que a convicción de que ter un orzamento é bo para a cidadanía de Ames, e nese empeño estamos, se ben non imos dimitir de que se contemplen cuestións que para nós son fundamentais” engadiu Costas.

Pola súa parte, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, dixo “por parte do goberno achegamos un borrador de orzamentos que segue a apostar polas políticas sociais e nos que se incorporan grandes actuacións en materia de investimentos nas distintas áreas, forte investimento en estradas e camiños veciñais e actuacións novedosas que apostan pola ampliación dos orzamentos participativos á área da mocidade, no ámbito educativo para novas infraestruturas, implantación e aposta polas novas tecnoloxías, ampliación das políticas medioambientais, de fomento do emprego, de medidas de eficiencia enerxética, de accesibilidade etc. Seguimos a amosar o noso compromiso e vontade de negociación nestas xuntanzas nas que hai xa puntos de acordo e traballaremos para tentar acadar un acordo naqueles puntos que están aínda enriba da mesa”.

Ambas partes acordaron continuar cos contactos e intercambio de documentos de proposta e manter unha nova reunión o vindeiro día 20 de marzo para continuar intentando achegar posturas sobre os temas pendentes, así como valorar a incorporación de propostas que poidan achegar os demais grupos da oposición que teñen de prazo ata o día 16 para achegalas.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "En Ames Novo admiten avances para aprobar el presupuesto local"
Ames Go: "PxA tacha de oscurantista a negociación dos Orzamentos e o Goberno segue a falar con Ames Novo"