Pestanas principais

Continúa a programación teatral coa representación da obra "Currículum Vitae" a cargo da compañía Redrum Teatro

Martes, 07 de outubro de 2014

[07-10-2014] A programación teatral continúa este venres, 10 de outubro, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro coa representación da peza de teatro "Currículum Vitae", da compañía Redrum Teatro. Trátase dunha comedia para adultos que fala da precariedade do actual mercado laboral a través dunha serie de entrevistas de traballo. As entradas para asistir a este espectáculo poden reservarse ata o venres 10 de outubro, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cultura.milladoiro@concellodeames.org.

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres, 10 de outubro, ás 21:00 hora, a representación da obra de teatro Currículum Vitae, a cargo da compañía Redrum Teatro. Trátase da segunda representación teatral prevista para o mes de outubro.

Producida co apoio da AGADIC, Currículum Vitae é unha comedia para adultos que fala da precariedade do actual mercado laboral a través dunha serie de entrevistas de traballo. Está protagonizada por Mónica García, actriz gañadora en tres ocasións do Premio María Casares de teatro, e por Guillermo Carbajo, ambos os dous coñecidos polo gran público por series de televisión como Pratos Combinados ou Valderrei.

A obra está dirixida por Alex Sampayo, moi coñecido polo seu traballo no eido audiovisual no que ten dirixido series como El Internado ou Padre Casares. Currículum Vitae componse de cinco pezas escritas, a partir dun argumento de Alex Sampayo e Borja F. Caamaño, por cinco grandes plumas da escena e do audiovisual galegos: Diego Ameixeiras, Araceli Gonda, Avelino González, Manolo Cortés e Jose Prieto.

Esta é a terceira produción de Redrum Teatro, una compañía fundada en 2009 que xa levou ás táboas a obra de suspense A Pensión (con Rosa Álvarez, Tamara Canosa e Guillermo Carbajo) e a infantil Moito Conto (con Mónica García, Tamara Canosa e Guillermo Carbajo), ambas as dúas con grande éxito de público e crítica.

As entradas para asistir a esta función teñen un prezo de 5 euros para os maiores de 12 anos. Haberá un desconto do 50 por cento para os menores de 12 anos, estudantes con carné e maiores de 65 anos. As entradas pódense reservar ata o venres 10 de outubro, ás 14:00 horas, a través do teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que recollerse o día da función entre as 20:00 h e as 20:30 horas. Os billetes que non se recollan nese horario venderanse a partir das 20:30 horas. Despacharanse un máximo de 4 entradas por persoa.

Programación teatral para o mes de outubro
O venres 17, na Casa de Cultura de Bertamiráns, Carlos Blanco presenta a obra Menú do día, o 24 de outubro, na Casa da Cultura do Milladoiro e dirixida a público infantil, preséntase a obra As fabas Máxicas, dirixida a público infantil. A programación de teatro de outubro remata o venres 31 coa presentación de As mil vidas de Matías Houseman, de Teatro do Adro, interpretada polo veciño de Ames Josito Porto que o ano 2013 acadou o premio María Casares ao mellor actor protagonista pola interpretación deste texto.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Representación de «Curriculum Vitae» en Ames"