- Tematica
Continúa a programación do “Ames en Festas 2025”, que reúne nunha mesma programación as festas da Madalena, no Milladoiro, e da Peregrina, en Bertamiráns. Nestes intres, está a ser a quenda de Bertamiráns, que continuará cos festexos ata este domingo, día 10. Como parte das festas da Peregrina, celebrarase a unha nova edición da Romaría Urbana, que terá lugar no parque do Ameneiral o sábado 9 de agosto. Comezará ás 13.30 horas cunha sesión vermú e, ao longo de toda a tarde haberá diversas actuacións musicais. Ademais, na xornada de mañá, venres 8, o artista teense Mondra estará a presentar o seu último traballo “De Ronda”. O concerto terá lugar no parque do Ameneiral a partir das 22.00 horas.
O “Ames en Festas 2025” continúa ao longo desta semana cos festexos da Peregrina, en Bertamiráns. O parque do Ameneiral será escenario dalgunha das citas máis destacadas da programación das festas. A primeira delas, será mañá, venres 8, coa actuación de Mondra, un dos artistas máis destacados do panorama galego na actualidade. De seguido, na xornada do sábado, celebrarase a terceira edición da Romaría Urbana, unha actividade que encherá de música e bo ambiente as rúas da localidade.
Mañá, venres 8 de agosto, o parque do Ameneiral acollerá outro dos pratos fortes da programación do “Ames en Festas 2025”, co concerto de Mondra. O artista, natural do veciño concello de Teo, está a presentar o seu segundo traballo discográfico “De Ronda”, un álbum posto por 11 cancións no que fala de diferentes vivenzas e temáticas, sempre dende un enfoque moi persoal e íntimo.
Cun estilo musical único, no que mestura elementos modernos con outros sons propios da música tradicional, Mondra é un dos artistas máis escoitados e que máis está a revolucionar a escena musical galega na actualidade.
Programación Romaría Urbana
Por outra banda, o parque do Ameneiral será de novo o escenario para outra das citas máis destacadas dentro da programación de actividades da Peregrina. O sábado, día 9, elebrarase a terceira edición da Romaría Urbana, unha iniciativa que pretende achegar a festa ao centro de Bertamiráns, motivando a que a veciñanza goce desta proposta e, ademais, incentivando e potenciando así o consumo nos establecementos comerciais e hosteleiros da localidade.
A romaría comezará ás 13.30 horas cunha sesión vermú e haberá diversas actuacións musicais a cargo de: Tabernarias, ás 13.00 horas; Arde, ás 14.30 horas; Monoulious Dop, ás 19.30 horas; Luis Fercán, ás 21.00 horas; e, finalmente, Biribirlocke que pecharán a romaría cunha actuación ás 22.20 horas.
Para as persoas interesadas en asistir, cómpre ter en conta que o código de vestimenta desta edición son as camisas fuleiras. Ademais da música, ao longo desta xornada haberá postos para poder xantar, con empanada e churrasco; obradoiros de xogos para os adultos; e inchables e outras actividades para os máis pequenos.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Romería Urbana y música de Luis Fercán en Bertamiráns"








