[21-05-2018] O Concello de Ames e maila organización Acción contra a Fame están impartindo unha serie de talleres formativos e conferencias que se enmarcan dentro do programa Vives Emprende, que asesora, forma e facilita o acceso a financiamento a persoas desempregadas ou con emprego precario que desexen emprender, especialmente a mulleres. Deste xeito, este martes, 22 de maio, impartirase unha conferencia sobre as competencias emprendedoras, e o xoves, 24 de maio, realizarase un taller para aprender a comunicar e vender un determinado produto/servizo a través da rede, redes sociais, páxinas web e o seu posicionamento.
Esta semana continúan os talleres formativos e conferencias que se enmarcan dentro do programa Vives Emprende posto en marcha polo Concello de Ames e maila organización Acción contra a Fame. Dito programa comezou o pasado 3 de maio e xa se realizaron catro actividades sobre a construción de modelos de negocio, os estudos de mercado e clientela, o plan de marketing e a comercialización dun produto, e o novo regulamento europeo de protección de datos.
Deste xeito, este martes, 22 de maio, impartirase unha conferencia para dar a coñecer as competencias emprendedoras, a través dunha ferramenta de gamificación. Asemade, para este xoves, 24 de maio, está previsto o taller denominado a miña empresa na Internet: RRSS e comercio electrónico, onde se aprenderá a comunicar e vender un determinado produto/servizo a través da rede, redes sociais, páxinas web e o seu posicionamento.
Por outra banda, o 29 de maio abordarase o estudo de viabilidade: plan económico. Os participantes neste taller farán unha análise económica e financeira do seu proxecto. Tamén se falará da presentación de informes, estudo de liquidez e alternativas de financiamento. Por último, o 31 de maio tratarse o traballo en equipo e maila comunicación (adestramento da capacidade de relación, a comunicación e o traballo en equipo. Tratarase de facerlles ver aos participantes a importancia da escoita activa, da comunicación non verbal e da asertividade).
A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, destaca “a aposta que se está a facer polas empresas de Ames e os emprendedores do noso concello, na que a formación e as actividades desempeñan un papel importante e se suma á rolda de visitas que se están a facer nas últimas semanas”.
Estes talleres son impartidos pola técnica de emprendemento de Acción contra a Fame, Itziar Villar, e profesionais especialistas en cada tema, nas oficinas municipais situadas na rúa Viorneira, número 6, en horario de mañá, de 09:30 a 13:30 horas. As persoas interesadas en participar poden contactar co departamento municipal de Promoción Económica, a través do enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal, ou dirixíndose a Itziar Villar no correo ivillar@accioncontraelhambre.org ou no teléfono 689 869 465.
Programa Vives Emprende
Estas conferencias e talleres formativos enmárcanse dentro do Vives Emprende, un programa gratuíto que ofrece asesoramento, formación e acceso a financiamento ás persoas desempregadas ou con emprego precario de Ames, que desexen emprender como opción para mellorar a súa situación laboral de forma estable e duradeira.
O Fondo Social Europeo, a través do POISES 2014-2020, e a Xunta de Galicia a través subvencións destinadas a realizar programas de interese xeral para fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do imposto sobre a renda das persoas físicas, financian este proxecto, para o que o Concello cede os espazos que o albergarán. Vives Emprende dota ás persoas emprendedoras de todas as ferramentas que necesitan para poñer en marcha a súa idea de negocio e acompáñalles durante todo o proceso emprendedor.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "El programa Vives Emprende organiza nuevos talleres"
Compostela 24 horas: "Continúa o programa Vives Emprende cos dous talleres formativos durante esta semana"