Pestanas principais

Continúa o programa “Falemos de saúde” cunha charla sobre a autoestima e o empoderamento

Venres, 31 de marzo de 2017

[31-03-2017] O Concello de Ames puxo en marcha no mes de marzo o programa “Falemos de saúde” cunha charla sobre as disfunción do solo pélvico impartida pola fisioterapeuta Cristina del Arco. Este programa continúa este mércores, 5 de abril, coa segunda charla que abordará a temática da autoestima e do empoderamento. Dita charla será impartida, ás 17:30 horas, no local do club de xubilados e pensionistas do Milladoiro (situado na rúa Figueiras), pola traballadora social e coach, Leticia Díez. Este programa está composto por un total de 12 charlas-obradoiros que se desenvolverán ata final de ano.

A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, anima a toda a veciñanza a asistir a esta segunda charla do programa Falemos de saúde. “A primeira charla tivo unha boa acollida entre a cidadanía e agardamos que pouco a pouco os veciños se vaian sumando a esta iniciativa que pretende poñer en valor o concepto de saúde e crear un espazo onde desenvolver charlas-obradoiros participativas sobre diversas doenzas femininas ou de prevalencia feminina. Deste xeito, dáse cumprimento a unha demanda e a un dos obxectivo do terceiro plan municipal de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes presentado recentemente”.

A segunda charla deste programa impartirase este mércores, 5 de abril, ás 17:30 horas, no local do club de xubilados e pensionistas do Milladorio (situado na rúa Figueiras). A traballadora social e coach, Leticia Díez, falará da autoestima e do empoderamento. Esta charla está dirixida tanto a persoas adultas como a persoas máis mozas. Trátase dunha charla-obradoiro na que os participantes reflexionarán sobre como se ven a eles mesmos e na que se realizarán varios exercicios prácticos empregando técnicas de visualización, autoconvencemento e coaching.

Este programa está composto por un total de 12 charlas-obradoiros que se desenvolverán ata final de ano. As charlas que se quedan por impartir son: autoestima e empoderamento; defensa persoal; sexualidade ao longo da vida; dieta saudable; o alzhéimer e outras demencias; control do estrés e ansiedade; técnicas de relaxación; a menopausia; prevención de drogodependencias; corresponsabilidade e igualdade; e adicións sen sustancia.