Pestanas principais

Continúa o programa “Encontros Literarios en Ames” coa presentación de “Os libros que hai en min”, de Emma Pedreira

Martes, 02 de novembro de 2021

Como cada dous xoves, as Bibliotecas Municipais de Ames seguen co seu itinerario “Encontros Literarios en Ames”, nesta ocasión coa presentación do libro de Emma Pedreira “Os libros que hai en min”, que terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, este xoves 4 de novembro, ás 20:30 horas. A autora estará acompañada de Nazaret López, escritora e xornalista, e do editor David Cortizo, nun acto que presentará a concelleira de Cultura, Natividade González. Os encontros enmárcanse no Programa de Animación á Lectura das Bibliotecas Municipais de Ames, dirixido a público adulto. A entrada será libre ata completar aforo.

As Bibliotecas Municipais de Ames continúan desta maneira cos seus “Encontros Literarios”, que se reanudaron o pasado xoves 21 de outubro coa intervención de Salvador Lladó e a presentación do seu estudo “A bolsa ou a vida, o 99% contra a emerxencia climática”. Emma Pedreira é a segunda autora do ciclo, que durante o que resta de trimestre recibirá a Alfredo Conde e a Xosé Luís Santos Cabanas.

“Os libros que hai en min” é o primeiro ensaio da escritora e poetisa coruñesa, Emma Pedreira. A obra, publicada pola editorial independente galega Cuarto de Inverno, serve como “biografía bibliográfica” da autora, na que fai un repaso da súa vida a través dos libros que foi lendo, e na conta, ademais, as vivencias xurdidas ou evocadas arredor deses textos, nunha narración chea de humor, amor, anécdotas, digresións, e por suposto, libros.

Emma Pedreira Lombardía (A Coruña, 1978) é unha narradora e poetisa galega, encadrada na Xeración dos 90. Licenciada en Filoloxía Hispánica, é autora de máis de dez poemarios e de sete textos narrativos, entre os que a autora frecuenta formatos curtos e diferentes públicos, dende o infantil-xuvenil ata o adulto. En 2018 gañou o Premio Xerais de novela por “Besta do seu sangue”, o Premio da Crítica Española en Lingua Galega por “Bibliópatas e fobólogos”, e o Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño por “As voces ágrafas”. No 2019 a novela “Os corpos invisibles” foi galardoada co Premio Jules Verne de Literatura Infantil.

Á presentación de Emma Pedreira asistirán, como acompañantes da autora, a escritora e xornalista Nazaret López e o editor e cofundador de Cuarto de Inverno, David Cortizo.  López traballa dende os anos 80 en prensa, radio e televisión. Compaxina estas tarefas profesionais co teatro, onde desenvolve labores de escrita, dirección e didáctica. Cortizo fundou a editorial Cuarto de Inverno en novembro de 2019, xunto a Andrea Jamardo, despois de saíren dos seus anteriores traballos na editorial Urco. O acto estará presentado pola concelleira de Cultura, Natividade González.

Novas relacionadas

AMSGO!: "Emma Pedreira presenta ‘Os libros que hai en min’ o xoves en Bertamiráns"

Continúa o programa “Encontros Literarios en Ames” coa presentación de “Os libros que hai en min”, de Emma Pedreira

Multimedia

  • Continúa o programa “Encontros Literarios en Ames” coa presentación de “Os libros que hai en min”, de Emma Pedreira