Pestanas principais

Continúa o programa “AmesON de verán” cunha dobre cita musical esta fin de semana

Luns, 26 de xuño de 2023

O programa “AmesON de verán” prosegue durante esta semana, coa actuación do DJ Gallaecia este venres, día 30, en Bertamiráns, e de Brais das Hortas o sábado 1, no Milladoiro. A programación do AmesON, organizada polo departamento de Promoción Económica, ten como obxectivo dinamizar o comercio local e a hostalaría durante o período estival.

O “AmesON de verán” segue en marcha para rematar este mes e dar comezo a xullo, despois de arrincar o pasado venres, 23 de xuño, coa actuación de A banda da Balbina no parque do Ameneiral de Bertamiráns. A programación, que volve por cuarto ano consecutivo e que se vai desenvolver ata o mes de setembro, conta con 9 propostas para todos os públicos e con diversidade de xéneros musicais.

Nesta ocasión é a quenda do DJ Gallaecia, que ofrecerá un concerto este venres, día 30, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 20:00 horas. A actuación enmárcase dentro da cea solidaria Obra Social Pediatría & Concello de Ames, un evento que está organizado por Xuntanza de Empresarios de Ames, Obra Social Pediatría e Albarín catering e eventos, e no que colabora o Concello de Ames. O obxectivo desta iniciativa é recadar fondos para contribuír á investigación sanitaria e ao incremento da calidade asistencial dos pacientes pediátricos do CHUS. Para participar é necesario inscribirse previamente, premendo nesta ligazón. Podes atopar máis información sobre a cea solidaria premendo aquí.

Por outro lado, o sábado día 1 terá lugar a actuación de Brais das Hortas na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, a partir das 19:30 horas. Das Hortas é músico dende 1996, e na actualidade forma parte dos grupos Sacha na Horta e Blues do País. Toca a guitarra eléctrica, clásica, acústica e portuguesa, laúde árabe, frauta chinesa, caixón, batería de refugallo, darbouka, karkaba, kalimba, beatbox, harmónica, antenas tubulares, melódica, efectos sonoros… Ademais, é clown e compón e grava bandas sonoras orixinais para diversos espectáculos.

O concerto de Brais das Hortas será o primeiro dos eventos da programación para o mes de xullo, que se completará cunha festa de Djs no parque do Ameneiral de Bertamiráns, o sábado 15.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "DJ Gallaecia, o venres en Bertamiráns no AmesON de verán"

Cartaz do AmesON 2023

Multimedia

  • Cartaz do AmesON 2023