[25-07-2014] O Concello de Ames está desenvolvendo un plan de formación de xeito paralelo á posta en marcha das hortas urbanas. Nesta ocasión, a coordinadora dos programas de compostaxe de ADEGA, impartiu un obradoiro para que os usuarios/as das hortas urbanas de Bertamiráns elaboraran o seu propio composteiro. Esta actividade tamén se vai impartir entre os usuarios/as das hortas urbanas do Milladoiro. A finais de 2013 o Concello de Ames habilitou un total de 34 parcelas en Bertamiráns, e en marzo de 2014, cedeu 51 parcelas no Milladoiro dedicadas á iniciativa das hortas urbanas. A vindeira semana impartirase un novo obradoiro que se enmarca dentro do plan de formación. Neste caso abordaranse diferentes nocións sobre as conservas vexetais.
O Concello de Ames, en colaboración con ADEGA, acaba de impartir un obradoiro de elaboración de composteiros entre os usuarios/as das hortas urbanas de Bertamiráns. Esta actividade enmárcase dentro do plan de formación, que puxo en marcha a concellaría de Medio Ambiente, de xeito paralelo á cesión das 34 hortas urbanas de Bertamiráns e das 51 parcelas do Milladoiro. Este obradoiro tamén se vai impartir entre os usuarios/as das hortas urbanas do Milladoiro.
A coordinadora dos programas de compostaxe de ADEGA foi a encargada de impartir esta actividade na cal os usuarios/as da hortas urbanas de Bertamiráns elaboraron un composteiro común para todos/as. Ademais, explicáronselle diferentes nocións para poder sacarlle o máximo aproveitamento ao devandito composteiro. Deste xeito, aprenderon a forma de incrementar os restos de compost, as necesidades de aireación, a porcentaxe de restos vexetais e non vexetais que hai que depositar no composteiro, etc.
O obxectivo deste obradoiro foi que os usuarios/as das hortas urbanas de Bertamiráns poidan elaborar o seu propio compost, para despois poder aboar e mellorar a calidade da terra das súas parcelas. Así, tamén se lle dá un utilidade aos restos da poda e a outros restos vexetais que se extraen dos cultivos que se plantaron nas devanditas hortas. A vindeira semana impartirase un novo obradoiro que se enmarca dentro do plan de formación. Neste caso abordaranse diferentes nocións sobre as conservas vexetais.
Prácticas sostibles nas hortas urbanas
Coa posta a disposición da veciñanza amiense destes espazos hortícolas preténdese que a poboación adopte unha actitude activa na ocupación do seu tempo libre e de ocio. Trátase de facilitar a intervención de cidadáns no desenvolvemento sostible, facilitar a relación de coexistencia xeracional entre os veciños/as, e así mesmo, unha contribución ás economías familiares que se vén favorecidas polos cultivos de autoconsumo.
Segundo explica a concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, “estas hortas urbanas están sendo un éxito. En Bertamiráns houbo máis solicitudes que parcelas ofertadas polo que houbo que elaborar unha lista de agarda e no Milladoiro completáronse as 51 parcelas postas a disposición dos veciños/as. A través deste cursos e obradoiros do plan de formación trátase de formar aos usuarios/as das hortas urbanas para que lle saquen o máximo aproveitamento a estes espazos hortícolas”.





