[09-02-2011] As mozas e os mozos de Ames teñen unha nova oportunidade para gozar do cine este venres. A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá, ás 20:00 horas, a proxección de "El equipo A". A película, protagonizada por Liam Neeson, é un remake da famosa serie de acción dos anos 80 que contaba as aventuras dun grupo de fuxitivos do exército estadounidense convertidos en xusticeiros. Trátase do segundo filme proxectado neste ciclo que comezou o 21 de xaneiro con "Celda 211" e rematará o 11 de marzo con "Avatar".
O ciclo de cine xuvenil segue coa súa programación destinada á mocidade do concello. O próximo venres proxectarase "El quipo A" na Casa da Cultura do Milladoiro. O filme, remake da exitosa serie de acción dos anos 80, narra as primeiras aventuras de Hannibal, Murdock, Fénix e MA, personaxes ben coñecidos para o gran público e que nesta aventura son interpretados por Liam Neeson, Sharlto Copley, Bradley Cooper e Quinton Jackson respectivamente. Os espectadores poderán ver o comezo das andainas deste grupo de soldados do exército dos Estados Unidos xulgados por un delito que non cometeron en Vietnam e fuxitivos desde entón convertidos en mercenarios xusticeiros. O filme emitirase ás 20:00 horas.
"El equipo A" é o segundo filme proxectado no ciclo de cine xuvenil que o Concello organiza dentro da programación cultural de inverno. Previamente foi proxectada "Celda 211" o día 21 de xaneiro na Casa da Cultura de Bertamiráns. A película, protagonizada polo galego Luís Tosar, conseguiu 6 premios na edición dos Goya de 2010, incluído o de mellor actor protagonista para Tosar. Na cinta nárrase a historia dun violento motín nunha prisión española na que un dos funcionarios debe facerse pasar por preso para sobrevivir entre un grupo de reclusos liderados polo temido Malamadre.
A próxima película que poderán ver os mozos e as mozas de Ames é "Avatar" de James Cameron, un espectáculo visual sen precedente que aproveita as posibilidades do 3D para amosar ao espectador un mundo de ciencia ficción que se fai real ante os seus ollos. "Avatar" narra a guerra entre colonos humanos e a raza alieníxena nativa dun planeta afastado e a conversión dun soldado da terra en defensor dos extraterrestres oprimidos polos seus. Esta cinta emitirase o día 11 de marzo ás 19:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns.




