Pestanas principais

Continúa a inscrición para os obradoiros do “Nadal con Ames na Rúa”, cunha terza parte deles coas prazas xa completas

Venres, 26 de novembro de 2021

Ata o martes 14 de decembro segue aberta a inscrición nos obradoiros do programa “Nadal con Ames na Rúa”, promovido pola Concellaría de Promoción Económica de Ames. 11 dos 34 talleres xa teñen o seu aforo completo, polo que as solicitudes nestas actividades pasarán á lista de agarda. Para solicitar praza, cómpre cumprimentar os formularios para persoas adultas ou para a rapazada, nos que tamén se pode consultar a oferta íntegra de talleres, e envialos ao correo electrónico promocioneconomica@concellodeames.gal.

O itinerario de obradoiros inclúe propostas para todos os públicos, con oferta duplicada nos dous núcleos urbanos do concello, O Milladoiro e Bertamiráns. Os talleres comezarán o 18 de decembro e rematarán o 3 de xaneiro de 2022, cunhas 250 prazas repartidas entre todas as quendas. As actividades terán lugar en Biosbardos Animación e en Dospasos, en Bertamiráns, e en Retumban Risas, no Milladoiro.

Balance de persoas inscritas

Ata o momento, 11 das 34 sesións propostas pola Concellaría de Promoción Económica xa teñen as súas prazas esgotadas. A meirande parte dos aforos completos estanse dando nos talleres de Bertamiráns, con 10 dos 17 obradoiros programados na vila xa sen prazas dispoñibles. Este éxito de convocatoria destaca sobre todo na oferta para o público infantil, da que só resta unha das 10 propostas con inscricións abertas.

Oferta de obradoiros

A oferta de obradoiros é diversa, e inclúe actividades manuais, cociña, panadaría e outras habilidades. Os talleres para persoas adultas dispoñen de ata 70 prazas, cunha tendencia importante á cociña e ás manualidades. Os seis cursos para este grupo de idade consisten na preparación de menús para Noiteboa, Nadal e Fin de Ano, así como a elaboración de xabóns, cestaría ou pan de bao.

O grupo máis numeroso de obradoiros son os dirixidos á rapazada, con sete talleres e 130 prazas. As actividades neste caso son moito máis diversas, e inclúen cursos de cestaría, robótica, pinta pedras ou malabares, ademais da elaboración de coroas de Nadal, xabóns ou mesmo pizzas saudables.

Por último, dous talleres estarán enfocados ao público familiar, con 50 prazas reservadas para que as persoas asistentes aprendan linguaxe de signos ou a facer unha piñata na casa.

Continúa a inscrición para os obradoiros do “Nadal con Ames na Rúa”, cunha terza parte deles coas prazas xa completas

Multimedia

  • Continúa a inscrición para os obradoiros do “Nadal con Ames na Rúa”, cunha terza parte deles coas prazas xa completas
  • Continúa a inscrición para os obradoiros do “Nadal con Ames na Rúa”, cunha terza parte deles coas prazas xa completas
  • Continúa a inscrición para os obradoiros do “Nadal con Ames na Rúa”, cunha terza parte deles coas prazas xa completas