[04-10-2012] O Concello de Ames, a través do departamento de Servizos Sociais, recorda que segue aberto o prazo para solicitar as axudas ao transporte correspondentes á Tarxeta Metropolitana Social. Dende o mes de setembro estase desenvolvendo unha campaña informativa sobre a implantación no municipio desta axuda ao transporte. O pasado 2 de outubro entrou en vigor a tarxeta metropolitana social en Ames. Ata o de agora presentáronse 235 solicitudes nos departamentos de Servizos Sociais do Milladoiro e de Bertamiráns. A aplicación desta política social supón para os colectivos beneficiados un aforro considerable no emprego do transporte público. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o díptico informativo sobre a implantación da Tarxeta Metropolitana Social.
O Concello de Ames ao igual que o resto de municipios da comarca aprobou unha ordenanza consensuada entre todos os concellos e que conta co aval da Dirección Xeral de Mobilidade, para acollerse aos beneficios da Tarxeta Metropolitana de Galicia Social (TMGS). Esta tarxeta permítelle aos xubilados con determinados niveis de renda, parados e persoas con discapacidade da área compostelá pagar 39 céntimos de euro por billete (20 traxectos ao mes), o que supón un desconto do 50 % sobre as tarifas xa subvencionadas do cartón metropolitano ordinaria (0,78 euros por viaxe).
Dende o mes de setembro estase desenvolvendo unha campaña informativa sobre a implantación no municipio da Tarxeta Metropolitana Social. O obxectivo é que a cidadanía amiense coñeza todos os trámites necesarios para solicitar esta axuda para o transporte público. Durante o mes de setembro coexistiron os bonos de transporte e a tarxeta metropolitana social, pero o pasado 2 de outubro coa entrada en vigor da Tarxeta Metropolitana Social desapareceu o programa de bonos de autobús gratuítos. Ata o de agora presentáronse 235 solicitudes nos departamentos de Servizos Sociais do Milladoiro e de Bertamiráns.
Todas as persoas que estean interesadas en solicitar a axuda ao transporte correspondente á Tarxeta Metropolitana Social deberán pasar polo departamento de Servizos Sociais, tanto no Milladoiro (na Oficina Municipal desta localidade, situada na Rúa de Abaixo s/n, ou no teléfono 981 535 941) como en Bertamiráns (na Casa da Cultura desta localidade, situada na Praza de Chavián s/n, ou no número 981 890 964).
A Tarxeta Metropolitana Social é unha tarxeta-moedeiro que se pode adquirir nas oficinas das entidades financeiras adheridas ao Transporte Metropolitano de Galicia, na actualidade NovaCaixaGalicia. Actualmente, o custe do percorrido coa tarxeta metropolitana é de 0,78 euros e coa tarxeta metropolitana social este prezo redúcese á metade, a 0,39 euros. O desconto recargarase directamente a través da propia tarxeta unha vez efectuadas as viaxes.
Beneficiarios da Tarxeta Metropolitana Social
Poden solicitar a Tarxeta Metropolitana Social todas aquelas persoas que teñan residencia habitual no Concello de Ames no momento da solicitude e acrediten unha antigüidade mínima de 12 meses de empadroamento en calquera dos concellos da área metropolitana de Santiago.
Os solicitantes deben cumprir unha serie de requisitos. Deste xeito, as persoas maiores de 65 anos de idade teñen que acreditar que non exercen actividade laboral e que os seus ingresos persoais non superan 1,5 veces o valor do IPREM (798,76 €/mes). Pola súa banda, as persoas con discapacidade teñen que acreditar unha discapacidade en grao igual ou superior ao 65% (recoñecida polo EVO) e que os seus ingresos non superan 1,5 veces o valor do IPREM (798,76 €/mes).
No caso das persoas en situación de desemprego, teñen que estar inscritas como demandantes de emprego de xeito ininterrompido durante os 12 meses anteriores á data da súa solicitude; ter realizado unha actividade laboral durante un tempo mínimo de 12 meses nos últimos 5 anos anteriores á data da solicitude; deben participar en itinerarios de inserción laboral e acreditar que carecen de recursos propios no momento da solicitude.
Por último, as persoas en situación de emerxencia social deben contar cun informe dos Servizos Sociais do Concello, no que se atendan a razóns de emerxencia social ou de precariedade persoal.
A nivel xeral, o importe da axuda será de 50% do importe da viaxe ata un máximo de 20 viaxes ao mes, agás nos casos de emerxencia social que se bonificará o 100% do custo da viaxe ata un máximo de 30 viaxes ao mes.
Funcionamento
A persoa solicitante deberá adquirir pola súa conta a tarxeta e facer a primeira recarga e pagar con ela o importe dos traslados que realice durante o primeiro mes. Unha vez concedida a axuda por parte do Concello, a bonificación dos traslados realizados durante o mes anterior cargarase directamente na tarxeta da persoa usuaria, ata o límite establecido.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Ponse en marcha a Tarxeta Metropolitana Social en Ames con 235 usuarios"
La Voz de Galicia: "La Tarxeta Metropolitana Social ya supera los 400 beneficiarios"




