Pestanas principais

Continúa aberto o período de selección para a edición 2023-2024 do Programa Integrado de Emprego dos Concellos de Ames e Brión

Mércores, 03 de xaneiro de 2024

O prazo de solicitude de praza no novo Programa Integrado de Emprego dos Concellos de Ames e Brión (2023-2024) está aberto ata o día 12 de xaneiro. Nesta edición, o programa conta con 100 prazas para a formación nos sectores do comercio, almacén, ocio e tempo libre,  turismo, idiomas e novas tecnoloxías. Este programa está subvencionado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con 219.610,00 € e cofinanciado polos concellos de Ames e Brión.

O novo Programa Integrado de Emprego dos Concellos de Ames e Brión desenvolverase entre os meses de xaneiro e novembro de 2024. O seu obxectivo é que, como mínimo, o 40% das persoas participantes atopen un traballo, unha porcentaxe que se superou nas últimos edicións.

Inscricións
As persoas interesadas poden inscribirse cubrindo este formulario cos seus datos. Para participar, é preciso estar inscrito como demandante de emprego e encadrarse nalgún dos colectivos seguintes:
- Persoas menores de 30 anos desempregadas dos concellos de Ames e Brión.
- Persoas maiores de 45 anos desempregadas dos concellos de Ames e Brión.
- Mulleres desempregadas dos concellos de Ames e Brión.                                                              

Actividades
As persoas participantes formaranse nos ámbitos do comercio, almacén, ocio e tempo libre, turismo, idiomas (inglés) e novas tecnoloxías, podendo elixir a formación que mellor se adapte ao seu perfil ou ás súas preferencias. Tamén recibirán formación de carácter transversal: obradoiros de entrevistas, busca activa de emprego, manipulación de alimentos, 1º auxilios, habilidades sociais e comunicación, marca persoal, etc.

Ademais, terán titorías individualizadas, nas que se lles facilitará información e orientación para a busca de emprego ou o autoemprego, así como outros recursos que poidan precisar para mellorar a súa empregabilidade (asesoramento para axudas e subvencións, homologacións, formación regrada, mobilidade laboral, etc.).

Tamén terán a oportunidade de realizar prácticas en empresas da contorna relacionadas co sector ou sectores de actividade nos reciban formación.

Bolsas e axudas á conciliación
Os/as participantes do novo Programa Integrado de Emprego Ames-Brión terán dereito a unha bolsa de 10 €/día pola asistencia ás diversas accións do programa. Tamén se poñerán á súa disposición axudas para a conciliación da vida laboral e familiar, que estarán destinadas a cubrir os gastos de gardería e/ou atención ás persoas dependentes.

As diversas actividades do programa desenvolveranse no Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames (Rúa Costaneira, 2. Urb. Aldea Nova. Ames)

Balance da edición 2022-2023 do Programa Integrado Ames-Brión
A edición 2022-2023 rematou o pasado 16 de novembro, superando o obxectivo inicial de inserción do 40% do total das persoas participantes, chegando case ao 50%. Ao longo do programa, desenvolvéronse seis itinerarios formativos de carácter sectorial nos que se incluían diferentes cursos: actividades para a infancia e a xuventude, actividades de comercio e atención ao público, xestión e organización do almacén, turismo, limpezas xerais, e novas tecnoloxías.

A realización de prácticas non laborais en empresas, vinculadas á formación sectorial, foi unha das actividades con mellores resultados para a inserción laboral, conectando ás persoas participantes co tecido empresarial, sendo en moitos casos a súa primeira experiencia laboral. Así, 48 participantes realizaron prácticas en diferentes empresas da contorna froito dos convenios de colaboración asinados para a súa realización, dentro dos sectores relacionados cos cursos de “Operacións básicas de comercio”, “Organización e xestión de almacén”, “Monitorado de ocio e tempo libre”, “Monitorado de comedor escolar”, “Recepción e atención ao cliente en establecementos de aloxamento” e “Operacións básicas de limpezas xerais”.

Para ampliar información sobre o Programa poden contactar no enderezo inseramesbrion@gmail.com, ou nos teléfonos 608 459 678 (María) e 663 771 876 (Pablo).

Novas relalcionadas:

Enfoques: "Sigue abierta la inscripción para el Programa Integrado de Emprego de Ames y Brión"

Continúa aberto o período de selección para a edición 2023-2024 do Programa Integrado de Emprego dos Concellos de Ames e Brión