Pestanas principais

Consulta a actualización das restricións de nivel máximo no concello de Ames que entran en vigor este mércores 27 de xaneiro

Mércores, 27 de xaneiro de 2021

A Xunta de Galicia publicou no DOG este martes, 26 de xaneiro, a actualización das medidas que lle afectan ao territorio galego para facer fronte á pandemia provocada pola Covid-19. No concello de Ames dende ás 00.00 horas deste mércores, 27 de xaneiro, actualízanse as medidas de nivel máximo. Deste xeito, establécense novas restricións: Ames continúa pechado de xeito individual (só se permiten desprazamentos xustificados), as xuntanzas só poden ser de persoas conviventes, a hostalaría estará pechada (só se permite a entrega a domicilio e recollida no local), e poderase practicar deporte de forma individual ao aire libre e sempre con máscara. Ademais, suspéndense todas as actividades municipais e as bibliotecas permanecerán pechadas. Estas medidas estarán en vigor polo menos ata o 17 de febreiro. Preme nesta ligazón para consultar as restricións actualizadas de nivel máximo que lle afectan ao concello de Ames.

A Xunta de Galicia, en virtude das súas competencias publicou este martes, 26 de xaneiro do 2021, a Orde do 26 de xaneiro de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas contra a Covid-19 e mailo Decreto 82021 do 26 de xaneiro polo que se adoptan medidas en Galicia para facer fronte á crise sanitaria da Covid-19.

O Concello de Ames recomenda limitar ao máximo os movementos e a vida social para evitar que o número de contaxios continúe subindo, tendo en conta que no día de onte o número de contaxiados ascendían a 196, a cifra máis alta en toda a pandemia. Deste xeito, faise un chamamento ao autoconfinamento e solicítaselle á veciñanza, que limite toda saída do fogar que non sexa imprescindible, nin fagan desprazamentos fóra do concello, salvo aqueles que sexan necesarios e debidamente xustificados, limitando así ao máximo á súa vida social.

Lémbrase que o uso da máscara e o mantemento da distancia de seguridade interpersoal é obrigatoria. Ademais, incídese que nesta nova etapa de restricións é preciso que cada un/unha de nós actuemos con responsabilidade. Sigamos cumprindo de xeito estrito todas as medidas de prevención da Covid-19. Para máis información ou resolver dúbidas pódese chamar ao número de teléfono 662 099 944 ou enviando un correo electrónico ao enderezo gabinete@concellodeames.gal.

Liberdade de entrada e saída
O concello de Ames continúa PECHADO perimetralmente de xeito individual. Deste xeito, a veciñanza amesá tan só poderá moverse dentro do termo municipal, sen saír do mesmo. Quedan exceptuados das anteriores limitacións aqueles desprazamentos, adecuadamente xustificados, que se produzan por algún dos seguintes motivos:
-Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.
-Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais, sindicais e de representación de traballadores ou legais.
-Asistencia a centros universitarios, docentes e educativos, incluídas as escolas de educación infantil.
-Retorno ao lugar de residencia habitual ou familiar.
-Asistencia e coidado, incluído o acompañamento, a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.
-Desprazamento a entidades financeiras e de seguros ou estacións de servizo en territorios limítrofes.
-Actuacións requiridas ou urxentes ante os órganos públicos, xudiciais ou notariais.
-Renovacións de permisos e documentación oficial, así como outros trámites administrativos inaprazables.
-Realización de exames ou probas oficiais inaprazables.
-Coidado de hortas e animais.
-Asistencia a academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado e centros de formación.
-Desprazamento a establecementos comerciais polo miúdo de alimentación, bebidas, produtos e bens de primeira necesidade en territorios limítrofes cando non exista alternativa no propio concello.
-Por causa de forza maior ou situación de necesidade.
-Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.

Restrición da mobilidade nocturna
Durante o período comprendido entre as 22.00 e as 6.00 horas, as persoas unicamente poderán circular polas vías ou espazos de uso público para a realización das seguintes actividades:
-Adquisición de medicamentos, produtos sanitarios e outros bens de primeira necesidade.
-Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.
-Asistencia a centros de atención veterinaria por motivos de urxencia.
-Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais ou legais.
-Retorno ao lugar de residencia habitual, tras realizar algunhas das actividades previstas neste punto.
-Asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.
-Por causa de forza maior ou situación de necesidade.
-Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.
-Abastecemento en gasolineiras ou estacións de servizo, cando resulte necesario para a realización das actividades previstas nos parágrafos anteriores.

Restrición ás agrupacións de persoas
A permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, e en espazos de uso privado quedará condicionada aos constituídos exclusivamente por persoas conviventes. Polo tanto, permítense unicamente as reunións familiares, sociais e lúdicas, de carácter informal non regrado, das persoas que pertencen ao mesmo núcleo ou grupo de convivencia, con independencia de que se desenvolvan ao aire libre, e no ámbito público ou privado, en locais cerrados ou vehículos privados particulares. En vehículos particulares só poderán desprazarse persoas conviventes, excepto en desprazamentos ao traballo.

As limitacións establecidas anteriormente exceptúanse nos seguintes supostos e situacións:
-As persoas que viven soas, que poderán formar parte dunha única unidade de convivencia ampliada. Cada unidade de convivencia pode integrar soamente unha única persoa que viva soa.
-A reunión de persoas menores de idade cos seus proxenitores, no caso de que estes non convivan no mesmo domicilio.
-A reunión de persoas con vínculo matrimonial ou de parella cando estes vivan en domicilios diferentes.
-A reunión para o coidado, a atención, a asistencia ou o acompañamento a persoas menores de idade, persoas maiores ou dependentes, con discapacidade ou especialmente vulnerables.
-No caso de actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento.
-As actividades previstas no anexos da Orde da Consellería de Sanidade, do 26 de xaneiro de 2021, pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, respecto das cales se prevexa a posibilidade de grupos de persoas que non sexan conviventes.
-Por causa de forza maior ou situación de necesidade.

En todo caso, recoméndase restrinxir ao máximo a interacción social e que os encontros queden limitados unicamente á unidade de convivencia.

Hostalería e restauración
Os establecementos de hostalaría e restauración (bares, cafetarías, restaurantes) permanecerán pechados ao público e poderán prestar exclusivamente servizos de entrega a domicilio ou para a súa recollida no local e consumo a domicilio. O servizo de entrega a domicilio poderá realizarse ata as 24.00 horas. A permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios.

Establecementos e locais comerciais
Non poderán superar o 50% da súa capacidade total. No caso de establecementos ou locais distribuídos en varios andares, a presenza de clientes en cada un deles deberá gardar esta mesma proporción. O comercio NON ESENCIAL pechará ás 18.00 horas, salvo que teñan fixado, de acordo coa normativa vixente, un horario inferior. O horario de peche da actividade comercial ESENCIAL queda establecido ás 21.30 horas, salvo que teñan fixado, de acordo coa normativa vixente, un horario inferior ou superior.

Actividade deportiva
A práctica da actividade física e deportiva non federada so poderá realizarse ao aire libre de forma individual ou con persoas conviventes e coa utilización de máscara. Quedan suspendidas as competicións deportivas de nivel autonómico. Os correspondentes adestramentos quedarán sometidos ás mesmas limitacións que o resto da actividade física e deportiva prevista neste punto, debendo respectarse as limitacións de entrada e saída existentes en determinados ámbitos territoriais e as limitacións establecidas á liberdade de circulación das persoas en horario nocturno.

As competicións deportivas federadas de nivel nacional e os seus adestramentos desenvolveranse de acordo co establecido pola Administración competente e de conformidade coas limitacións establecidas nos protocolos federativos correspondentes. Os ximnasios permanecerán pechados.

Parques infantís, biosaudables e pistas deportivas ao aire libre
Os parques infantís, parques biosaudables, zonas deportivas, pistas skate de Ames permanecerán pechados ata que se observe unha melloría da situación sanitaria. Ademais, o Concello de Ames procedeu á suspensión do mercado de venda ambulante, que se organiza todos os sábados na localidade de Bertamiráns; de todas as actividades municipais; e as bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro permanecerán pechadas.

Cartel informativo sobre as medidas de restrición de nivel máximo (27 de xaneiro de 2021)