Pestanas principais

Consulta a actualización das restricións de nivel D para o concello de Ames que entran en vigor este sábado 10 de abril

Venres, 09 de abril de 2021

A Xunta de Galicia publicou no DOG este mércores, 7 de abril, a actualización das medidas para facer fronte á Covid-19, que entran en vigor ás 00.00 horas deste sábado 10 de abril de 2021. O Concello de Ames atópase en nivel D cunha unha incidencia inferior a 150 casos por 100.000 habitantes. As principais novidades son que se permiten as xuntanzas, en espazos de uso público e privado, de persoas non conviventes en grupos como máximo de 4 persoas en espazos pechados e de 6 en espazos abertos ou ao aire libre. Ademais, permítese viaxar en vehículos particulares a un máximo de 4 persoas sexan ou non conviventes. É moi importante seguir cumprindo as medidas de restrición para non dar pasos atrás. Preme nesta ligazón para consultar a actualización das medidas que entran en vigor.

A Xunta de Galicia, en virtude das súas competencias publicou este mércores, 7 de abril de 2021, a ORDE do 7 de abril de 2021 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia e mailo Decreto 54/2021 do 7 de abril polo que se adoptan medidas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2.

O concello de Ames atópase no nivel D de restricións, xa que ten unha incidencia inferior a 150 casos por 100.000 habitante. Aínda así, incídese en que é preciso que cada un/unha de nós actuemos con responsabilidade. Sigamos cumprindo de xeito estrito todas as medidas de prevención da Covid-19. Lémbrase que o uso da máscara e o mantemento da distancia de seguridade interpersoal é obrigatoria. Para máis información ou resolver dúbidas pódese chamar ao número de teléfono 662 099 944 ou enviando un correo electrónico ao enderezo gabinete@concellodeames.gal.

Coa actualización de medidas ditadas pola Xunta de Galicia permítese a mobilidade por toda Galicia, excepto a entrada e saída nos concellos do Grove e da Pobra do Caramiñal. Non estará sometida a restrición ningunha a circulación en tránsito a través dos ámbitos territoriais en que resulten de aplicación as limitacións establecidas. En todo caso, recoméndase limitar a mobilidade o máximo posible. A restrición de mobilidade nocturna mantense co comezo ás 22.00 horas e remate ás 6.00 horas.

Restricións ás agrupacións de persoas
En Ames limítase a permanencia de grupos de persoas a un máximo de 4 en espazos pechados, e de 6 en espazos abertos ou ao aire libre, sexan de uso público ou privado, agás que se trate de persoas conviventes. No caso de agrupacións en que se inclúan tanto persoas conviventes como persoas non conviventes, o número máximo destas será de 4 ou 6 persoas en función de si se reúnen en espazos pechados ou abertos. En todo caso, recoméndase restrinxir ao máximo a interacción social e que os encontros queden limitados unicamente á unidade de convivencia.

Hostalería e restauración
En Ames, os establecementos poderán prestar servizos de recollida no local e consumo a domicilio, de entrega a domicilio, de terraza co 75% da capacidade máxima permitida con base na correspondente licenza municipal ou do que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez, e tamén servizo no interior cunha ocupación do 50%. Non se poderá prestar servizo na barra.

En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser so caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de 4 persoas por mesa ou agrupación de mesas, no caso de persoas non conviventes. O horario de peche ao público será ás 21.00 horas. Non obstante, poderán prestar servizos de recollida no local e consumo a domicilio ata as 21.30 horas, ou ben servizo de entrega a domicilio. O servizo de entrega a domicilio poderá realizarse ata as 24.00 horas.

A permanencia nestes establecementos deberá ser a estritamente necesaria. En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade establecida co fin de evitar posibles contaxios. Para o cálculo das ocupacións, así como para a aplicación doutras medidas específicas, observaranse ás medidas aprobadas pola da consellería competente en materia de sanidade no marco do Plan de hostalaría segura.

Outras medidas importantes
-O mercado ambulante volve a celebrarse en Bertamiráns os sábados.
-As instalacións deportivas están abertas. Permítense grupos de ata 4 persoas non conviventes na práctica deportiva interior e de 6 ao aire libre.
-En vehículos particulares permítense viaxes de ata 4 persoas sexan ou NON CONVIVENTES.
-Pódense realizar actividades culturais nos auditorios municipais (cun 30% do aforo).
-Están abertos os parque infantís, biosaudables e pistas deportivas ao aire libre con limitación de aforo.

Cartel coas medidas de restrición actualizadas a 9 de abril de 2021