Pestanas principais

Constitúese o Consello sectorial das persoas maiores

Martes, 22 de febreiro de 2022

O pasado xoves, 17 de febreiro, constituíuse de xeito formal o Consello sectorial das persoas maiores. Será un órgano de traballo que permitirá coñecer como está o concello en relación coas persoas maiores e do que poidan saír propostas e iniciativas para levar a cabo. Constitúese como órgano colexiado informativo, consultivo e de formulación de propostas. Participaron representantes de oito asociacións veciñais do rural e do Club de xubilados e pensionistas do Milladoiro.

O Consello sectorial das persoas maiores estivo presidido polo alcalde, Blas García, a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, e mailo técnico da Oficina de Voluntariado, Rubén Ramos. Por parte do Goberno municipal tamén participaron a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, e maila concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín. Por parte da oposición asistiron o concelleiro do grupo municipal popular, Emilio Martínez, e mailo concelleiro do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo.

A esta primeira xuntanza do Consello sectorial das persoas maiores convocouse a todas as asociacións veciñais do rural, así como a representantes do Club de xubilados e pensionistas do Milladoiro, para que nomeasen a unha persoa representante para o Consello, agás JUPEMI que conta con 3 representantes. Confirmaron a presenza de representantes de trece asociacións, pero finalmente asistiron representantes de oito asociacións.

Asistiron representantes de JUPEMI, asociación de San Xoan de Ortoño, asociación cultural As tres Aldeas, asociación veciñal de Covas, asociación agraria de Bugallido, asociación O Reguiño, asociación veciñal San Pedro de Bugallido e asociación Lojo Batalla de Tapia.

No segundo punto da orde do día aprobouse o regulamento de dito Consello. Foi aprobado coas modificacións propostas polo vogal do grupo mixto, Quique Costas, e unha observación do concelleiro do PP de Ames, Emilio Martínez. As modificacións máis salientables feitas a dito regulamente foron que se constituíu como un órgano colexiado informativo, consultivo e de formulación de propostas.

Aprobación do regulamento
En caso de empate nas votacións a presidencia non terá voto de calidade. Ademais, este órgano designará a un/unha representante para a Asamblea da veciñanza. Dito regulamento foi aprobado co voto favorable de todas as asistentes e a abstención do vogal do grupo municipal popular.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, destaca que “coa creación deste Consello sectorial queremos que os nosos maiores participen activamente na vida municipal propoñendo, traballando nas iniciativas que vaian saíndo, pedindo conta daquilo que non se fai ou que ao seu xuízo está mal... que se sintan verdadeiros partícipes e a vez que poidamos aprender das súas experiencias, para entre todos e todas lograr un concello máis amigable cos nosos maiores”.

Ademais engadiu “quédanos por diante un gran traballo que progresivamente mellore a adecuación entre as necesidades das persoas e a contorna. Para lograr isto, requírese dun traballo coordinado e transversal que atinxe a practicamente tódalas áreas: benestar social, urbanismo, servizos básicos, comunicación, mobilidade... Os nosos maiores son os que mellor saben o que necesitan polo que deben estar no centro de calquera esforzo para crear unha comunidade máis amigable coa idade”.

Rede mundial de Cidades e Comunidades Amigables coas Persoas Maiores
No apartado rogos e preguntas deuse conta do que se pretende con este Consello sectorial que é que sexa un órgano de traballo que nos permita coñecer como está o concello en relación coas persoas maiores e do que poidan saír propostas, iniciativas para levar a cabo. Tamén se deu conta da solicitude que vai facer o Concello de Ames para adherise á Rede mundial de Cidades e Comunidades Amigables coas Persoas Maiores e o que significa para Ames.

A Rede mundial de Cidades e Comunidades Amigables coas Persoas Maiores é un proxecto promovido pola Organización Mundial da Saúde (OMS) destinado a crear entornos e servizos que promovan e faciliten un envellecemento activo e saudable. A OMS, consciente do progresivo envellecemento da poboación mundial, dirixe este proxecto a todos os concellos interesados en promover un envellecemento activo, mellorando os seus entornos e servizos e incorporando esta perspectiva na planificación municipal.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Crean un consejo de mayores para mejorar la relación entre el Concello y los más veteranos"

Enfoques.gal: "Constituido el Consejo Sectorial de las Personas Mayores de Ames"

Constitúese o Consello sectorial das persoas maiores

Multimedia

  • Constitúese o Consello sectorial das persoas maiores
  • Constitúese o Consello sectorial das persoas maiores